O PP replícalle á «desaparecida» Belén Louzao que o PSOE é «o menos indicado» para falar de xestión

• Constenla considera que «só sae á palestra para reivindicarse internamente diante dos seus xefes do PSOE e tentar evitar que a liquiden como candidata»

• Pídelle «que non xustifique os orzamentos de Pedro Sánchez e que teña a valentía de criticalos publicamente porque son un desprezo aos estradenses»

O Partido Popular da Estrada replícalle á «desaparecida» voceira socialista, Belén Louzao, que «o PSOE estradense é o menos indicado para dar leccións de xestión e administración dos recursos públicos, xa que cando gobernou dilapidou 11 millóns de euros do Plan E non se sabe ben en que, máis aló do arranxo dalgunhas fontes, lavadoiros e escolas unitarias». Juan Constenla considera que as últimas declaracións de Belén Louzao están motivadas «unicamente pola súa fraxilidade e debilidade política dentro do seu propio grupo». «Despois de tres anos desaparecida e sen preocuparse polos estradenses, agora só sae á palestra para reivindicarse internamente diante dos seus xefes do PSOE e tentar evitar que a liquiden como candidata», asegura. Cualifica como «un auténtico paripé» o anuncio do PSOE estradense da convocatoria dun proceso de primarias que «sorprendentemente invalidan eles mesmos tras confirmar a presentación dunha única candidatura». «Pretendían darlle un aire de transparencia a un proceso do máis opaco que hai, do que se desprende que nin dentro do propio PSOE local apoian á única candidata que desexa selo», opina Constenla. En relación coa defensa que fixo dos orzamentos presentados esta semana polo Goberno de Pedro Sánchez, que supoñen «unha renuncia expresa a acometer a variante da Estrada», o concelleiro do PP recoméndalle «que non xustifique os orzamentos e que teña a valentía de criticalos publicamente porque son un desprezo aos estradenses e a tódolos galegos en xeral».

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta