José López traballará «para ampliar a maioría» e reforzar á Estrada como «referente en Galicia»

• Recibiu o respaldo unánime de tódolos asistentes á reunión da Executiva Local celebrada esta mañá • Reivindica «tódolos logros destes catro anos de profunda transformación da Estrada» e tamén «o feito de ter estado día a día a carón dos veciños» • Cuestiona a oposición realizada por «un PSOE que estivo desaparecido, un BNG que volve ser o do non e camiña cara a irrelevancia e unha voceira de Móvete que o único que busca é un soldo público»

A Executiva Local do Partido Popular da Estrada acordou hoxe por unanimidade o nomeamento como candidato á Alcaldía de José Carlos López Campos, quen se comprometeu a «traballar aínda con máis intensidade ata maio para ampliar a actual maioría e reforzar a posición da Estrada como referente en toda Galicia pola estabilidade, o rigor, a visión de futuro e a eficacia do seu goberno».

José López comezou a súa intervención transmitindo o seu «profundo agradecemento aos compañeiros do partido pola confianza depositada por terceira vez» e tamén a tódolos estradenses que durante estes catro anos lle expresaron «o seu afecto e cariño» e que especialmente durante os últimos meses o «animaron e empurraron» a seguir encabezando a candidatura popular. O actual alcalde tamén aproveitou o seu discurso para reivindicar «o orgullo de pertencer a este goberno que conseguiu sacar á Estrada do ostracismo» e puxo en valor «tódolos logros destes catro anos de profunda transformación do noso concello», entre os que se referiu á urbanización da zona da Baiuca coa construción da escola infantil e o centro de saúde, á posta en marcha do Centro Integral de Atención ás Emerxencias, á humanización e mellora de rúas como a Zona dos Viños, a Praza da Música ou a avenida Fernando Conde, á apertura da base de Emerxencias en Toedo e á construción do centro de pádel, entre outras moitas. López adicou unha mención especial á obra de ampliación da alameda, «que pasará a formar parte da historia deste pobo e que algúns atacan de xeito furibundo porque leva o cuño do PP e semella Partido Popular da Estrada que iso é o que lles molesta». Ao mesmo tempo, tamén lembrou os investimentos millonarios xa realizados no rural e os que se acometerán nos vindeiros meses, se ben recoñeceu que «sempre resultan insuficientes nun concello tan amplo, con tantas parroquias e lugares».

«A carón dos estradenses» Ademais, José López reivindicou «a política de cercanía» do seu goberno e «o feito de ter estado día a día a carón dos veciños para tentar solucionarlle os seus problemas», fronte a unha parte da oposición que «estivo catro anos vagueando e que volve asomar a cabeza agora, a falta de catro meses para as eleccións». Así, cuestionou o labor «dun PSOE que estivo desaparecido e que só se adicou a marxinar e maltratar á Estrada desde a Deputación e agora nos Orzamentos Xerais do Estado, un BNG que volve ser o do non a todo e que camiña cara a irrelevancia e a desaparición e unha voceira de Móvete que, cun historial laboral como o seu apelido, o único que busca é un soldo político e para iso é capaz de defender unha cousa e ao día seguinte a contraria».

O candidato popular amosouse «convencido de que os veciños saberán valorar a solvencia do actual goberno fronte a experimentos populistas de incerto desenlace» e augurou que «respaldarán con máis votos o atractivo proxecto de futuro para A Estrada que o PP presentará antes de maio». Asegurou que percibe «moitas posibilidades de mellorar os resultados de 2015», pero advertiulle aos compañeiros «dos perigos que supoñen a relaxación e un exceso de confianza», polo que instounos a «traballar arreo para chegar a cada recuncho de cada parroquia para convencer porta a porta a cada veciño».

«Como calquera outro, nós non somos infalibles e nestes catro anos puidemos cometer erros, que sempre tentamos correxir e arranxar, pero foi porque tomamos miles de decisións para facer cousas e sacar á Estrada do inmobilismo político que arrastraba. Do que si estou segurísimo é que o número de acertos foi infinitamente mellor e os resultados están aí para ver», concluíu López.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta