
Os residuos pertencentes á obra da Alameda da Estrada están acopiados, non integrados no que será o chan do novo terreo, asegurou hoxe o alcalde da localidade, José López Campos, momentos antes de que o técnico da Xunta de Galicia encargado da inspección confirmase que resulta evidente que os escombros se emprazaron nese lugar para favorecer o paso dos camións.
A administración autonómica, despois da acusación de neglixencia sobre o tratamento dos residuos xerados na obra, enviou un técnico que a priori viu todo correcto nun lugar onde “evidentemente hai residuos” que se emprazaron coa “clara finalidade” de favorecer o paso dos camións na obra, ditaminou.
Seguidamente concluíu que todo está claro e perfectamente documentado, polo que mañá, despois dunha nova visita, elaborará unha acta na que reflectirá esa valoración dunha maneira sinxela a fin de evitar dobres lecturas, e afirmou tamén que seguirá o avance da actuación para garantir que os residuos sexan tratados de forma axeitada.
Por outra banda, o rexedor local explicou que eses residuos poden estar almacenados en calquera lugar da obra ata que chegue o momento da integración na mesma,o que non quere dicir que se vaian a integrar no estado actual. Haberá que valorizar os residuos e rexeitar os non valorizables, que serán enviados a unha planta de tratamento.
O obxectivo era facer unha obra cun impacto medioambiental o máis baixo posible, na que os materiais se manteñen acopiados dentro do propio terreo para evitar así que os camións teñan que viaxar con eles da Alameda á planta e de volta aquí e reducir así a pegada de carbono. Por ese motivo se optou por traer unha máquina portátil e realizar o traballo de valorización para o que a empresa adxudicataria conta coa homologación, aclarou López.
A chegada de esa máquina está programada para que se instale o 5 de febreiro e permaneza no terreo ata o día 8, para os que se pediron os permisos necesarios con anterioridade, cumprindo escrupulosamente coa normativa, subliñou, polo que este tipo de acusacións desmerecen unha actuación responsable.






































