
Susana Seivane chega ao Teatro Principal da Estrada este venres 8 de marzo, coincidindo coa celebración do Día da Muller, no medio da xira do seu 20 aniversario como artista. Nesta actuación, que comezará as 20:00 horas, a gaiteira promete sorpresas e unha amalgama de temas intimistas, divertidos e contemporáneos para celebrar ese aniversario de saída do seu primeiro disco.
O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, lembrou que Susana estivo en pasadas ocasións na localidade, nas festas de San Paio e no Festival Folk de Callobre, aínda que esta será a primeira vez que actuará no teatro, e animou á veciñanza a facerse coas entradas, que se poden adquirir de xeito anticipado a un prezo de 7 euros ou na billeteira do teatro o día do concerto por 12. As entradas pódense mercar no Departamento de Cultura do Concello, no Bar Boliche e a través de Internet na páxina www.evenbrite.es.

Durante a actuación poderemos escoitar temas do seu novo disco, FA, dedicado aos seus fillos Fiz e Antón, a quen responde o título; á experiencia da maternidade e a traxectoria persoal da artista. Un disco moi intimista e persoal, cunha composición “saída da alma” de Susana na que conta as súas experiencias e sentimentos dende o seu primeiro embarazo.
A intérprete insistiu na importancia de reivindicar o Día da Muller, co que coincide o concerto, e no que se levará a cabo a posta de longo do proxecto Invernía, no que diferentes agrupacións, tales como Sonche lerias, de San Xulián; Retrouxo da Estrada; Panaraiada, de Santiago e Gaiteiros de Buxantes, de Dumbría compartirán espazo con ela.
Para rematar, Seivane convidou á veciñanza estradense a acudir ao teatro para desfrutar dunha actuación salpicada de pinceladas de diversidade que seguirá o percorrido polos discos e traballos das dúas últimas décadas.






































