
O candidato socialista achegouse a Riobó xunto co concelleiro Luis Rendo para avaliar as necesidades da parroquia. Fixo fincapé na necesidade de incrementar a dotación de servizos. Sobre o estado da canalización de augas baixo a PO-2017 incidiu en que «a canalización feita pola Deputación está nova, pero a saída que é responsabilidade do concello corre un severo risco de desprendemento». Destacou que isto constitúe «un perigo inminente para as persoas» e tamén que «o PSOE xa hai tempo que o advertiu no Pleno municipal, pero o goberno non fixo nada por amañalo».
López Bueno fixo fincapé no «estado de abandono da pista que leva á piscifactoría, unha das poucas industrias que temos na zona» e observou que «para fomentar o establecemento de empresas nas parroquias precisamos arranxar estes problemas inmediatamente, xa que sen servizos será imposible mantelas». «É vergoñento que un concello coma o noso descoide deste xeito ás súas parroquias», concluíu.
O candidato amosou a súa «fonda tristura e preocupación polo esquecemento do rural, que é maltratado polo actual alcalde». Recordou que «sacar as máquinas cada catro anos e con cartos da Deputación é rirse das veciñas e os veciños». Nese sentido considerou que «para levantar a praza da alameda si que hai financiamento, pero para atender as demandas do rural todo son problemas e parches».






































