O goberno municipal, encabezado polo alcalde do PP José López Campos, ven de presentar a semana pasada un documento de orzamentos 2019 que non da resposta a ningunha das necesidades da Estrada. O orzamento acada unha cifra total de ingresos máis alta que nunca por vía de impostos, contempla máis gasto corrente improdutivo que nunca (lonxe de conter este tipo de gasto increméntao en 250.000 € con respecto ao 2018) e destina a inversión real menos que nunca.

O candidato socialista Luís López Bueno e a portavoz do grupo socialista no Concello Belén Louzao, realizaron unha valoración do documento de orzamentos 2019 presentado polo grupo de goberno. “Trátase do orzamento máis elevado pola vía dos ingresos que nunca tivo a Estrada (13,2 millóns de euros), sen embargo é o orzamento que ten a partida máis raquítica da historia estradense con respecto ao capítulo de inversións reais que se van a facer con diñeiro municipal (182.201 €)”, comentou o candidato López Bueno.
Os socialistas acusan ao alcalde José López de actuar contra os intereses da Estrada ao non corresponderse a progresión ascendente en materia de impostos directos cobrados aos cidadáns coa progresión do que realmente se vai a empregar para devolverlles en forma de inversións. “Os estradenses pagan só en impostos directos (maioritariamente no IBI) un 61 % máis que antes de que José López fose alcalde, estamos falando dun incremento de 1.583.000 € en dúas lexislaturas, mentres a partida de inversión directa baixou de 1,7 millóns a 182.000 euros con fondos propios e 240.000 € a cargo dun préstamo bancario. Tanto é así que a partida máis grande que recolle o orzamento 2019 para inversións son 20.600 euros para pavimentación en vías rurais e urbanas e 219.400 € para pagarlle á Xunta pola obra da gardería Galiña Azul, e para iso vanse pagar a cargo de endebedamento bancario”.
No capítulo de gastos correntes en 2019, lonxe de conter gasto improdutivo o goberno de José López incrementa 250.000 euros. José López vendeulle aos estradenses 250.000 € de aforro anual en materia aforro enerxético polo cambio de luminarias no casco urbano e a previsión de gasto por este concepto non se recorta nin un só euro con respecto ao ano anterior. En políticas de asentamento de poboación ou loita contra o despoboamento (e a perda de poboación na Estrada) non se consigna nin un só euro. A desenvolver solo industrial público ou actuacións de mellora nos polígonos industriais actuais non se fai previsión algunha. O apoio as políticas activas de agricultura e gandeira sigue contemplando 5.000 € para o que chama Feira da Becerra e que na última lexislatura se converteu nun xantar co alcalde e a Conselleira nun restaurante da vila. O apoio ao comercio -sector que denuncia que está a pasar por unha difícil situación que levou a pechar a moitos deles- limitase, como única novidade no 2019 a un incremento de 10.000 nas luces de Nadal (dende que José López é alcalde esta partida pasou de 17.000 a 40.000 €).
“Un ano máis podemos dicir que o gasto supérfluo en paparotas, propaganda e festexos varios volta subir, mentres non se prevén novos servizos que se prestan no rural, non se da resposta ás prioridades locais e non se recollen as obras anuncias polo alcalde”.
Sprin antes das eleccións municipais de maio
Despois da lexislatura completa en branco, o goberno municipal está a facer nos últimos meses un sprin antes das eleccións para tentar enganar novamente á cidadanía estradense. A estratexia do PP de deixar sen executar orzamentos e proxectos os anos anteriores para facer todo antes das municipais está en marcha na Estrada outra vez. “Os orzamentos municipais amosan unha vez máis que a José López non lle importan os veciños e veciñas, esto constátase en que os orzamentos non recollen nin unha soa das obras que vai prometendo facer no 2019. É máis, este documento de orzamentos amosa o que os socialistas vimos denunciando nas dúas últimas lexislaturas José López vende fume: prometeu unha nova traída en Codeseda, en Tabeirós e Nigoi e o orzamento municipal 2019 non destina nin un só euro ao efecto; prometeu facer saneamentos, obras de ampliación na depuradora municipal, desenvolver solo industrial, pistas de atletismo,….e o resultado en todos os casos é cero euros consignados para elo nos orzamentos”.






































