A ROMARÍA ESTRADENSE NESTA EDICIÓN TRATARÁ DE CONSOLIDARSE E LUCIR COMO ANTANO UNHA XORNADA MULTITUDINARIA, LOGO DE VARIOS ANOS DE RECUPERACIÓN CONGREGANDO MILLEIROS DE ASISTENTES NO SEU DÍA GRANDE CON TREIXADURA E LOS SATÉLITES COMO GRANDES RECLAMOS

É difícil dar testemuño da orixe exacta da festa de San Xorxe, pero é doado asegurar que esta remóntase ao século XIX. Así pois, a principal característica desta festa é o carácter máxico das atribucións curativas que se fan ao San Xorxe e a particularidade de que sexa adicado ás doenzas dos animais, converténdose nunha figura de referencia agraria e gandeira nunha sociedade moi dependente das cabezas do gando para o sustento familiar. Foi por iso, que Cereixo, que gozou de ser a capital do municipio que hoxe coñecemos como A Estrada, se cenvertera durante a segunda metade do século XIX e ata finais do século XX, nunha festa de referencia para as comarcas agrarias e gandeiras dos arredores e incluso atraendo público internacional como se recolle nas publicacións da época. Temos a sorte de que a festa, no ritual e fundamental, non mudou, mais mudou a propia estrutura sociolóxica da comarca e a festa adaptouse ao sino dos tempos. Se no século XIX atopabamos os clásicos cantares de cego e a forma de troular propia da época, na que ademais os romeiros ficaban varios días na vila, hoxe os romeiros, máis desconectados da vida agraria e as súas formas e costumes, acoden a unha festa que no lecer colectivo é moderna, pero que na tradición entronca directamente co pasado inmediato do modo de vida en Galicia mantendo as esmolas de carne, espigas, varas e estampas coa imaxe do Santo. Un més de actos relixiosos e festivos completarán decenas de actividades nesta parroquia do corazón da Estrada. O 23 de abril, día de San Xorxe, celebrarase cunha misa solemne as 11:00 h. E por todo o alto celebrarase ó domingo seguinte, 28 de abril, coñecido como Domingo da Carne, por ser cacheiras, uñas e codillos parte das esmolas que os devotos lle ofrecen ó santo. Esta xornada comezará con misas a cada hora a partir das 9:00 h e solemne as 13:00 h. Pola tarde misa as 18:30 h. No campo da festa a música non parará en toda a xornada. A mañán estará amenizada pola Banda de Música Municipal da Estrada e a partir das 11:30 h subiranse 150 persoas ó escenario nun concerto que aúna ó Grupo de Acordeóns Os Lóstregos xunto con 10 coros parroquiais (San Miguel de Castro, Santa Crisina de Vea, Paradela, Arca, Moreira, Curantes, San Pedro de Ancorados, Tabeirós, San Paio da Estrada e Rarís de Teo) e as voces de Marietta, Érica Vidal e Cristina Cimadevila, dirixidos por Gonzalo Gonzalez Iglesias; simbolizando a antiga unión do rural da zona nesta romaría tradicional. Despois da tradicional procesión, recuperarase a queima do boneco de pólvora, na que unha tradicional figuriña de un ciclista comezará a xirar ata estoupar. Ó mediodía, ó igual que estos últimos anos, celebrarase un Xantar Popular que nas últimas edicións gozou de moito éxito, superando os 700 comensais, cun menú basado en entrantes, prato principal de carne de paleta con guarnición, torta larpeira, café e chupito, por 14 €. Para este xantar é necesaria a inscripción na Tintorería Elegante. Tamén haberá pulpeiro. E case sen parar, as 17:00 h comezará a verbena con unha das orquestras de maior recoñecido prestixio da nosa comunidade, finalista dos premios Martín Códax da música 2018 na categoría de verbena e con 80 anos de historia, a ORQUESTRA LOS SATÉLITES. Sen descanso seguiralles un dos grupos de música tradicional máis queridos polo público galego que logrou elevar a música tradicional ao máximo nivel nunha traxectoria excepcional na que xa destacan 25 anos de vida, 6 discos e unha espectacular conxunción entre o seu gran orfeón e a música de gaita e acordeón: TREIXADURA fará bailar a todo o campo da festa de San Xorxe nunha xornada na que a música tradicional continuará máis viva ca nunca. A última nota musical poñerana os Djs estradenses Carlos López e Iván Campos, que extenderán a xornada ata chegada a noite. Así pois será un día de romaría ateigada de actividades moi variadas sumando ata 16 horas de festa seguidas. O segunte domingo, o día 5 de maio, celebrarase a Nosa Señora das Angustias, con misas a cada hora a partir das 11:00 e solemne as 13:00. A nota musical estará posta pola Banda de Gaitas de Barbude e os Sin Son Ghaiteiros, e o capítulo gastronómico, polo I Asado de Porco Gratis para tódolos asistentes. O terceiro domingo da festa, 12 de maio, é o adicado á Nosa Señora do Belén, cunha misa solemne ás 13:00 h. E para finalizar, o día 13 de maio as 21:00 h comezará unha novidosa novena na honra a Santa Rita con procesión á luz das candeas tódolos días ata o día 22 de maio, día propio da celebración, onde os oficios relixiosos comezarán a cada hora a partir das 9:00 h e solemne as 13:00 h.






































