– José López confirma que a presentación da totalidade da candidatura terá lugar o vindeiro luns día 22

O Partido Popular da Estrada está a ultimar o acondicionamento interior dun local situado no número 1 da Praza de Galicia -antiga sucursal do Banco Pastorpara abrir ata as Eleccións Municipais do 26 de maio unha sede temporal que teña «máis visibilidade e sexa máis accesible» que a habitual da rúa Irmás José e Severino Trigo. Así o confirmou o candidato á Alcaldía, José López Campos, que indicou que esta sede funcionará ata finais de maio como o «centro de operacións» da candidatura popular, tanto para a celebración de reunións internas como de actos públicos e roldas de prensa cos medios de comunicación. «Queremos que esta sede tan céntrica nos sirva como escaparate da gran Estrada que comezamos a construír hai oito anos e que a día de hoxe xa é unha realidade en moitos ámbitos», manifestou. José López avanzou ademais que o partido celebrará o mitin central da campaña das Eleccións Xerais o vindeiro mércores día 24 de abril, a partires das 20.45 horas no Teatro Principal. Ademais del mesmo, intervirán tamén o candidato nº 4 ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Juan Constenla; o presidente provincial, Alfonso Rueda; a cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Ana Pastor; e o presidente do PPdeG e presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Por outra banda, anticipou tamén que o vindeiro luns día 22 terá lugar a presentación da totalidade da candidatura para as Eleccións Municipais.






































