Os Beatles levaríana clara na Estrada!

“Se os Beatles foran da Estrada levábana clara para sacar a mítica foto de Abbey Road”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “porque os pasos de peóns brillan pola súa ausencia en sitios onde hai poucas semanas si había ou nin se ven as raias onde supostamente os hai”.
O concelleiro do BNG e militantes do BNG imitaron aos lendario grupo británico para denunciar a deixadez do goberno municipal do PP, que “malia ás reiteradas peticións que fixemos desde o BNG, a día de hoxe é pésima a situación dos pasos de peóns, co risco que iso supón para os veciños e veciñas da Estrada”.
Xosé Magariños insta ao alcalde e ao seu goberno a “ocuparse dos problema do día a día que condicionan a vida diaria dos seus veciños e veciñas, mentres presta toda a súa atención sobre as grandes obras, como a da Alameda que supón un despilfarro e unha inversión improcedente nas actuais circunstancias de precariedade dos servizos que precisa a xente.”
“Instamos unha vez máis ao alcalde”, indicou o concelleiro do BNG, “a ocuparse tamén das pequenas cousas, pero elementais para o día a día dos veciños e veciñas”.
Ana Pontón na EstradaPor outra parte, o BNG organiza o vindeiro domingo 21 de abril, ás 18 horas, no Restaurante Samaná, o acto central da campaña das eleccións Xerais. Neste acto intervirán Xosé Magariños, Susana Camba (candidata nº 3 ao Congreso), Carme da Silva (cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra) e Ana Pontón (portavoz nacional do BNG).
Segundo explicou o concelleiro nacionalista, «estamos a facer unha intensa campaña, mantendo contactos con simpatizantes do BNG, repartos casa por casa para explicar as nosas propostas, entre elas o importante que é para Galiza, mais tamén para a Estrada, contar cunha forza política que mire polo noso, no caso do noso concello, que mire pola Variante, cousa que non fixeron ningunha das forzas políticas que tiveron representación no Congreso, coa única excepción do BNG». «Convido a todas as veciñas e veciños a que participen neste acto público, para coñecer de man de Ana Pontón as nosas propostas e a nosa mensaxe», engadiu o concelleiro do BNG.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta