As librerías estradenses Marxe, Durán, Faro e Pintaletras instalarán postos de venda na Praza da Constitución os días 3 e 4 de maio con motivo da celebración da Feira das Letras da Estrada. Os dous días estarán ademais cheos de actividades na rúa, indicou hoxe o concelleiro de Cultura, Juan Constenla.
A apertura dos postos dos libreiros está previsto para as 12:00 horas do mediodía do venres 3 de maio e todos os libros mercados durante a feira gozarán dun 10% de desconto e obsequiarase cun litro de leite da Estrada aos 300 primeiros clientes. A actuación das escolas de Tequexetéldere inaugurará o venres o inicio das actividades ás 17:00 horas. Unha vez finalizada comezará un obradoiro de imáns e postais do mundo da lectura dirixido aos máis pequenos da vila, e ás 18:00 horas comezará a narración oral de Bandullo azul: Filipa cos contos.
Unha hora máis tarde comezará unha representación con marionetas de fío baixo o título de Circo galaico que correrá da mán de Títeres Alakran e pechará a primeira xornada a presentación do documental sobre o XXX aniversario do Premio de Novela Manuel García Barros nos Minicines Central ás 20:00 horas.
O sábado 4 ás 12:30 terá lugar na Casa das Letras un encontro de tradución en lingua galega e á mesma hora, na Praza do Concello, onde se realizarán todas as actividades, dará comezo a representación musical narrada Rilo & Penadique: O pozo das señoras.
Xa pola tarde, ás 17:00 horas está programada a narración oral con maxia de Fran Rei O conto de Barriga Verde e ás 17:30 abrirase un espazo multixogo para os cativos. Este día a partir das 18:00 horas impartirase un novo obradoiro de chaveiros e marcapáxinas do mundo da lectura e á mesma hora iniciarase, a cargo do Club de Lectura Lendo cos 5 sentidos, a lectura do conto O Dragón Antón e o Sapo Rosendo, á que seguirá a sinatura de exemplares por parte da autora. Pechará a feira a actuación musical O Capitán Garfo: cociñando con música.
Xa fóra da programación, o domingo 5 de maio ás 19:30 horas estrearase no Teatro Principal o espectáculo Contiños da Terra, en conmemoración do XXX aniversario do Premio de Novela Manuel García Barros.






































