Fin de semana adicado ao XXX aniversario do García Barros no cine e no teatro

Esta fin de semana insírense na axenda cultural da Estrada dous eventos en conmemoración do XXX aniversario do Premio de Novela Manuel García Barros coa proxección mañá venres, ás 20:00 horas, nos Minicines Central do documental acerca do premio literario e o domingo 5 de maio, ás 19:30 horas, a estrea no Teatro Principal da obra sobre Os contiños da terra de Santi Cortegoso.

Espérase que a obra de teatro se vaia a representar en tódalas parroquias durante os vindeiros meses a fin de dar a coñecer a actividade de García Barros por todo o concello, explicou hoxe o concelleiro de Cultura, Juan Constenla.

Trátase dunha peza teatral na que interveñen artistas da Estrada coma Fran Campos, Chelo do Rejo e Juan Ruibal, que será o encargado de dotar de música en directo á obra para darlle ritmo e guiar a historia.

O director afirmou que a medida que preparaba a obra ía coñecendo máis en profundidade a vida que levaban os galegos de principios do século XX; unha forma de vida que se está perdendo, fuxida cara as cidades pero que aínda se pode ver nas persoas maiores e que García Barros plasma na súa obra.

A peza recolle esa reivindicación clara para que non se perda ese legado a través de tres contiños (A Ceridonio non se engana, O tío Zanfona e A carón da pedra) e unha historia contemporánea que serve como fío condutor para a dramaturxia.

As invitacións para os dous eventos, tanto para o documental do venres como as da obra de teatro do domingo, pódense recoller no Departamento de Cultura do Concello da Estrada e na zapatería A Esquina.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta