Iván Ferreiro encabeza os Concertos da 46ª Festa do Salmón, que tamén inclúen a Teo Cardalda e Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre

Iván Ferreiro, coñecido cantante e compositor do movemento indie e ex líder do grupo Los Piratas, vai encabezar o completo cartel de Concertos da 46ª Festa do Salmón, que tamén contarán con Teo Cardalda, Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre, Tequexetéldere e a Coral Polifónica Estradense. Ferreiro ofrecerá o seu concerto nas vésperas do día grande da cita gastronómica, o vindeiro sábado 18, dende as 22.00 horas na remozada Praza do Concello. O espectáculo, que será de balde como todas as actividades musicais do Salmón 2019, servirá para coñecer os temas da súa nova xira, chamada “Casa”. Ademais, durante o concerto desenvolverase unha campaña de sensibilización contra a violencia sexual no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. En calquera caso, os Concertos do Salmón arrancarán con anterioridade aproveitando a ponte das Letras Galegas, xa que o xoves 16 haberá unha festa Movida Anos 80 dende as 21.30 horas na Zona dos Viños encabezada polo popular líder de Cómplices Teo Cardalda, que estará acompañado por varios músicos locais durante a velada. Esta festa concíbese como un evento temático, que disporá de postos de discos, complementos e agasallos da época e tamén de ambientación e coreografías a cargo de Sondodance e Absolute. Por elo, solicítase a todos os asistentes que queiran a que se animen a acudir disfrazados dos oitenta para colaborar co motivo desta cita. O terceiro gran concerto da cita gastronómica será o do grupo folclórico e tradicional Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre, programado para o venres 17 de maio, Día das Letras Galegas, nota de prensa Máis información: 689 436 240 (Juan Constenla) ás 22.00 horas na Praza do Concello. Esta actividade desenvólvese en colaboración co programa Musigal da Deputación. Finalmente, tamén haberá outras actuacións, como o Festival Folclórico da agrupación de baile e música tradicional Tequexetéldere o sábado 18 ás 18.00 horas no Teatro Principal e a actuación da Coral Polifónica Estradense, programada como actividade de peche da 46ª Festa do Salmón o domingo 19 ás 19.00 horas tamén no Teatro Principal. O concelleiro de Cultura e responsable do equipo organizador, Juan Constenla, explicou que o programa de concertos “está pensado para todos os públicos e todos os gustos musicais e ademais é bastante ambicioso, xa que se mistura a coincidencia da longa ponte das Letras Galegas, que sempre permite contar con máis actividades nocturnas, coa nosa intención de seguir facendo medrar a Festa do Salmón con eventos importantes que complementen o tirón da nosa gastronomía e da nosa pesca”

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta