O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, foi homenaxeado o pasado Sábado pola Asociación de Fillos e Amigos da Estrada, polo labor que realiza a favor da integración social de todas as persoas. A conselleira de Política Social, Fabiola García acompañada polo alcalde Estradense José López, participou neste acto que recoñecía o traballo a estradenses de nacemento ou adopción en diferentes eidos.
Fabiola García felicitou a todos os homenaxeados polo gran traballo que levan a cabo en eidos como a cultura, a educación, o emprego e a inclusión. Nesta ocasión, fixo especial mención ao traballo que desenvolve cada día o director xeral de Inclusión Social.
Ademais de Arturo Parrado, os galardoados foron Saturnino Cuquejo Iglesias, empresario galego-venezolano; Roberto Brey Porto, empresario do Sector Automovilístico; Carlos Barruso Martín, músico, arreglista, compositor e profesor; o Colexio N.S. Lourdes polos cincuenta anos de eficaz ensino e compromiso coa educación en hábitos saudables na vila; e a Asociación Codeseda Viva pola súa encomiable tarefa a prol da recuperación da historia, a cultura de proximidade e os camiños dos arrieiros a Santiago de Compostela no Concello estradense.












































