O BNG denuncia o estado de abandono dalgunhas vías de comunicación en varios lugares do concello

“Durante a campaña e precampaña electoral o goberno do Partido Popular activou a súa maquinaria populista, incluso de xeito literal, e o que non fixo en catro anos, tentou facelo en menos de quince días, enviando máquinas a asfaltar quilómetros de viais por parte do noso territorio, sen seguir ningún criterio lóxico, mesmo enchendo de piche algunhas pistas nas que a urxencia ou necesidade era cando menos dubidosa, en comparación con outras vías que o precisaban dun xeito máis urxente e sen embargo permaneceron no mesmo estado calamitoso no que se atopaban”, indicou a voceira nacionalista, Susana Camba.

Susana Camba coida que pasadas as eleccións tamén finalizaron dúas condicións para que o goberno local presidido por López arranxe o problema viario que sufrimos no concello da Estrada. Por unha banda, a finalización do tempo do electoralismo barato do Partido Popular, a quen agora que o sr. López xa ten o bastón de mando, non lle importa que haxa infraestruturas que sigan mergulladas no abandono, posto que ata dentro de catro anos non precisa os votos dos veciños e veciñas do rural, aínda que a xente afectada continúe sen servizo. E por outra banda, a finalización dos cartos que o BNG, dende a Deputación de Pontevedra e mediante o Plan Concellos, lle dou á Estrada para posibilitar a xestión e mellora duns recursos que non son nin de Xosé López Campos nin do seu equipo de goberno, senón de todos e todas as estradenses. O problema é que por mor da mala xestión do PP eses cartos non se aplicaron correctamente como tería sido o desexo do BNG cando facilitou esa partida económica. “Se eses cartos, no canto de saír dos impostos da cidadanía chegan a telos que poñer do seu peto, non tomarían decisións tan á lixeira, nin con fins electorais. Seguro que mirarían o céntimo e procurarían rendabilizalos de xeito práctico. Non é o caso. A dereita liberal non ten o mesmo respecto polo público que temos outras forzas políticas, con principios baseados no respecto ao colectivo e ás maiorías sociais”, engadíu Susana Camba. Polo tanto, desde o BNG esixen que se arranxen estas estradas municipais, dado que teñen un importante impacto para a comunicación veciñal, e incluso representan nalgún caso dificultades para acceder aos domicilios da veciñanza dos diferentes lugares.

No Bloque Nacionalista Galego consideran unha falta de ética gobernar só para uns cantos. O goberno municipal e o de todos e tódalas estradenses, guste ou non ao goberno local do Partido Popular. “A xestión dos recursos municipais é a súa responsabilidade e téñena que levar a cabo de xeito equitativo, sen deixar a ninguén atrás. Se non se ven capacitados terían que telo pensado antes. Agora só cabe que arranxen un problema que só está nas súas mans solucionar, e sen máis tardanza”, finalizou Camba.

 
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta