O BNG URXE UNHA SOLUCIÓN XA PARA A VARIANTE

Susana Camba, voceira do BNG da Estrada, en resposta ás informacións que saíron do Ministerio de Fomento no sentido de que procede un estudo máis profundo do impacto patrimonial e medioambental da futura circunvalación da N-640 ao seu paso polo Preguecido, manifesta un total desacordo coas dinámicas seguidas polos diferentes gobernos que, dende Madrid, tiveron nas súas mans a posibilidade de levar a cabo esta obra: «Lamentablemente pasaron trinta anos e o único que fixeron foi dilatala no tempo, despois de promesa tras promesa incumpridas.»

Por outra banda, dende a formación nacionalista denuncian que, visto o visto, existe unha total falta de vontade política en acometer esta infraestrutura tan precisa, aínda máis hoxe en día, polo volume de tráfico que soporta A Estrada nesta vía, agravado polo perigo que supón, tanto para os vehículos que circulan por ela, como para as persoas que teñen a necesidade de cruzala. E inciden en que esta falta de vontade a tiveron tanto o PP coma o PSOE; e nin tan sequera as Mareas tiveron o interese de pelexar porque esta obra se levara a cabo. Semella que unha vez pasado o Padornelo esqueceron o país que deixaron atrás. 

Polo tanto, dende o BNG instamos ao sr López Campos a que cumpra coas obrigas que adquiríu co pobo estradense e lidere a reivindicación desta infraestrutura tan precisa para o noso concello e convoque a tódolos colectivos económico-sociais para planificar conxuntamente as medidas de presión necesarias para poñer fin a esta nova tomadura de pelo.

Dende o BNG, como forza política comprometida co noso país, sen ningún tipo de dependencia con intereses alleos aos que non son os colectivos, querémoslle deixar moi claro ao sr López e ao seu goberno, que nós non imos calar nin comungar con rodas de muíños e convocaremos as mobilizacións que fagan falta para que tanto a Xunta de Galiza do sr Núñez Feijóo, como administración reivindicante, e dende logo ao Ministerio de Fomento como executora se tomen en serio dunha vez este asunto, que mantén á vila na prehistoria das infraestruturas .

 

— 

BNG da Estrada
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta