A 33ª Feira do Moble de Galicia arranca o día 18 co reto de superar os 12.000 visitantes

O recinto feiral da Estrada acolleu este mediodía a rolda de
prensa de presentación da 33ª Feira do Moble de Galicia, que se celebrará do 18 a0 22 de setembro e que parte co reto de superar a cifra de 12.000 visitantes. Así o expresaron nas súas intervencións a directora xeral de Comercio, Sol Mª Vázquez; o alcalde da Estrada, José López; e a vogal da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa Lucía Pedroso.
Ademais de presentar unha revista promocional do certame, da que se distribuirán preto de 4.500 exemplares, os presentes precisaron que nesta edición participarán na feira 61 firmas procedentes de diferentes puntos de Galicia, pero tamén de Portugal, Asturias, Salamanca, Alicante, Valladolid, Toledo e Bizkaia. O recinto feiral da Estrada abrirá de 11.00 a 20.00 horas ininterrompidamente e o
mércores 18 as entradas serán de balde, mentres que os demais días terán un prezo simbólico dun euro.

«Esta feira non se podería celebrar noutro lugar»
Tras afirmar que «unha traxectoria de 33 anos non é nada doado de conseguir», Sol Vázquez resaltou que «A Estrada é e seguirá a ser a capital do moble de Galicia e esta feira está para axudar a visualizar ese posicionamento». «A Feira do Moble de Galicia non se podería celebrar noutro lugar», enfatizou.
Pola súa parte, o alcalde da Estrada, José López, manifestou o seu desexo de que esta feira «sexa útil» como «un escaparate máis dirixido ao ámbito do mobiliario doméstico», mentres apuntou que o sector do moble estradense «está a vivir, posiblemente, o seu mellor momento histórico». Nembargantes, advertiu da «necesidade de que tódolos patronos da fundación sigan comprometidos con este proxecto e apoien as melloras que precisa o recinto feiral para conseguir que esta feira sexa un evento de referencia». «Desde as administracións debemos ser proactivos
para axudar ao sector a anticiparse á evolución do mercado e paliar os posibles efectivos dunha nova crise que parece aveciñarse», engadíu.
Neste senso, Lucía Pedroso resaltou o esforzo realizado polo sector local do moble para «adaptarse aos novos tempos e modernizarse tecnoloxicamente» e subliñou que empresas da zona tamén participan en misións organizadas para abrir novos mercados internacionais.
Ao remate da rolda de prensa, os presentes aproveitaron para visitar os traballos demantemento no pavillón 5, onde xa se renovaron as luminarias da planta superior e se está a pintar o exterior.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta