O TELECLUB DA COMEDIA ENCHE DE RISOS O RURAL ESTRADENSE!

Despois de dúas funcións realizadas en Moreira e Riobó onde se deron cita máis de 150 persoas, a décimo sexta xira do Teleclub da Comedia, organizada polo Departamento de Cultura do Concello da Estrada, segue camiñando esta fin de semana en Toedo da man do Padre Xiao.

 

Deste xeito, este ciclo inaugurado no segundo semestre do ano 2011, celebra unha edición máis retomando os obxectivos cos que naceu; os de descentralizar a programación cultural da vila, poñer en valor as casas escola que están espalladas polo rural estradense e xerar xornadas de convivencia veciñal.

 

Desta volta, os artistas e agrupacións seleccionados son os seguintes: O Mago Toño e Manolo do Atlético, a Escola Municipal de Artes Escénicas, Pedro Brandariz, O Padre Xiao, o Padre Merino e Mentallini, Pablo Chichas Isi e As Lerchas que visitarán, ademais das parroquias mencionadas, Couso, Sabucedo, Frades, Cereixo, Arca, Berres, Vinseiro e Matalobos.

 

A xeito anecdótico, nesta xira incorpórase por vez primeira Barcala ao amplo abano de parroquias seleccionadas e vólvese programar unha función na Residencia de Maiores da 3ª Idade da Estrada.

 

Sinalar tamén que a xira volverá rematar cunha gala de nadal no Teatro Principal, que terá lugar o 28 de decembro, e na que se contará co acompañamento musical do recén creado Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso.

 

Comentarvos, por último, que tanto este ciclo como os de Estrada Escena outono, contan tamén coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través das subvencións do Plan Concellos 2019.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta