A Xunta manterá o actual apoio financeiro aos agricultores e gandeiros galegos no marco da PAC

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta de continuar prestando apoio os agricultores e gandeiros galegos para mellorar as súas rendas e, en xeral, as súas condicións de vida e traballo. Fíxoo hoxe na Estrada, nun encontro con gandeiros da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, no que confirmou a continuidade das axudas públicas a estes colectivos que xestiona a Consellería do Medio Rural no marco do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia e da PAC.

Así, Balseiros reiterou que se van seguir fornecendo as achegas en diferentes liñas, como as destinadas á mellora de explotacións, á incorporación de mozos ao agro, ao asesoramento, ás pequenas explotacións ou para aquelas situadas en zonas de montaña ou desfavorecidas.

Lei de recuperación

O director xeral aproveitou tamén a ocasión para avanzarlles os gandeiros algúns detalles da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia. Así, trasladou que esta norma terá por finalidade recuperar terras abandonadas, aportarlle base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, anticiparse ao problema dos lumes e traballar pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación. Un obxectivo, dixo, que se realizará facilitando, entre outras actuacións, o contacto entre os interesados en poñer a producir os predios e os seus propietarios.

Neste sentido, Balseiros avanzou que a lei basearase, fundamentalmente, no uso e na potenciación de dous instrumentos: o Banco de Terras, que se axilizará coa nova norma, e o Banco de Explotacións. En relación con este último, subliñou que servirá para apoiar e facilitar o contacto entre agricultores e gandeiros que vaian abandonar a súa actividade e outras persoas interesadas en darlle continuidade, co obxectivo de evitar o seu desmantelamento e o das terras que as conforman. Falou ademais doutras ferramentas, coma os polígonos agroforestais, os proxectos de uso comunitario da terra e a iniciativa de aldeas modelo.

O director xeral referiuse, así mesmo, ao traballo que está a desenvolver a Xunta para mellorar a xestión dos residuos agrogandeiros mediante medidas normativas (coa futura Lei reguladora do sistema integrado para a xestión das dexeccións gandeiras, actualmente en trámite), formativas (caso do plan específico para os agricultores da Limia, recentemente presentado) e de impulso ao seu tratamento en plantas específicas, entre outras actuacións.

Por último, José Balseiros explicou tamén que por parte da Consellería e do sector estase avanzando no desenvolvemento dunha estratexia específica de dinamización para o lácteo, con participación plena dos axentes deste eido produtivo. Así, indicou, estase traballando nunha completa análise e diagnóstico da situación e avanzando propostas de futuro.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta