O BNG insta ao goberno municipal e a Fomento a tomar medidas para reducir a cero os atropelos na N-640

 Os atropelos na N-640 ao seu paso pola vila forman parte xa da crónica diaria de sucesos dos medios de comunicación local, algún con consecuencias fatais e irreversíbeis para as vítimas.

Esta alta sinistralidade obedece a varios factores: o elevado número de vehículos que transita polo centro da Estrada, que non ten unha vía alternativa como podía ser a Variante, e a falta de medidas de seguranza vial no tramo que atravesa a vila.

Mais a pesar de todo, o goberno municipal do PP non moveu un dedo para reverter esta situación e tampouco o fixo o Ministerio de Fomento, que é o titular do vial

Desde o BNG entendemos que o concello da Estrada non pode permanecer impasíbel ante a alta sinistralidade que se rexistra nesta infraestrutura dependente do Estado. Ningunha persoa ten que xogarse a vida cruzando un paso de peóns. Neste sentido, o BNG rexistra unha moción no concello para instar ao Ministerio de Fomento a dotar a N-640 das medidas de seguranza vial necesarias para reducir a cero o número de atropelos ao seu paso pola vila.

E por outra parte, entendemos que a Variante reduciría notabelmente o número de vehículos que transitan polo centro da vila, o que reduciría as posibilidades de atropelo. Neste sentido, nesta moción instamos tamén ao Ministerio de Fomento de dotar das partidas orzamentarias necesarias para construír a Variante da Estrada nos vindeiros dous anos. A Estrada non pode agardar indefinidamente por unha infraestrutura imprescindíbel e necesaria.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta