O PSOE LAMENTA QUE O GOBERNO NON SE COMPROMETA A ACTUAR SOBRE O FIRME DA AVENIDA DE SANTIAGO DURANTE O 2020

“A nosa pregunta no pleno do xoves foi moi clara e respondíase cun si ou con un non. A resposta de López Campos deixa claro que non é unha prioridade para o goberno” di López Bueno.

O PSOE formulou unha pregunta sobre as intencións do
goberno municipal respecto da Avenida de Santiago no pleno ordinario
deste xoves. López Bueno cuestionou se “o goberno se compromete a
contemplar no orzamento de 2020 unha partida para a realización dunha
actuación sobre a estabilización do solo e a reposición do firme no tramo
máis baixo da Avenida de Santiago”.
O voceiro socialista valorou que “a nosa pregunta foi moi clara e
respondíase cun si ou con un non. A resposta de López Campos deixa claro
que non é unha prioridade para o goberno. Unicamente falou do que se leva
feito nesa rúa e de intencións vagas, pero non foi capaz de comprometerse.
Para este goberno a Avenida de Santiago non é unha prioridade”.
O concelleiro do grupo socialista alertaba hai meses da “desintegración do
firme nesa rúa”, e reclamaba actuacións definitivas porque “os parches xa
son insuficientes”. Os socialistas tamén apuntaron a posibilidade de
“elaborar un proxecto de humanización máis amplo, que permita renovar e
ampliar os servizos nesa rúa, e que podería financiarse con fondos EDUSI,
incluso como parte da execución do PMUS”.
López Bueno critica as “contradicións” do goberno municipal que “non é
coherente cando fala dunha rúa ou doutra. López Campos considera moi
importante diminuír o tráfico pesado na avenida Benito Vigo, pero cando se
fala sobre o tráfico pesado nunha rúa titularidade do Concello, o argumento
cambia e dise que non é sinxelo evitalo. Nós xa falamos de abrir ese debate
en outubro do ano pasado. Existe unha escola infantil e outra de primaria. O
único que falta é a determinación de facelo, nada máis”.
Para o voceiro a posición do goberno “é insostible”. “O rural xa entrou no
esquecemento do goberno municipal, só se acordou del nos meses antes
das eleccións. Dende maio non se fixo máis investimento na rede viaria das
parroquias, e algunha das obras que se fixeron xa adoecen de problemas”.
López Bueno ve “inadmisible” que A Estrada careza dun plan de
mantemento que dirixa os traballos de conservación das infraestruturas. É
impensable en calquera organización cun patrimonio como o do noso
concello”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta