A Asociación de Veciños de Sabucedo celebrou esta fin de semana a súa tradicional Festa de Entroido, que contou coa asistencia dunhas 200 persoas e que arrancou de tarde cun animado desfile de disfraces polas rúas da aldea orientado especialmente aos máis cativos. Xa pola noite, as celebracións incluíron unha cea popular, a base de arroz de mariscos e postres de Entroido, que ateigou o Teleclub con preto de 120 comensais. Finalmente, a velada prolongouse coa actuación da solista Laura Ocampos e co concurso de disfraces, que estivo moi competido e que rexistrou a vitoria de “Autolavado do Estreitiño”, das curmáns Álvarez e os nenos da familia. Reproduciron un servizo de lavado de vehículos e incluíron a espectacular e vistosa presenza do mítico “RapaBús”. En segundo lugar quedou “A Familia Viquinga”, protagonizada por Rubén, Sonia e Leila, e completou o podio “Souvenir de Galicia”, de Eva Rodiño.










































