
A Asociación de Veciños de Sabucedo quere expresar a súa fonda preocupación pola aparición de certos vertidos incontrolados na contorna da parroquia e, especialmente, en lugares de gran valor medioambiental e que gozan de protección, como as carballeiras e a contorna dos ríos e muíños. Así, as aparicións destes residuos son ocasionais, pero repítense periodicamente e causan importantes perxuízos pola contaminación que xeneran moitos dos materiais depositados nesta zona. Ao respecto, cómpre destacar que, hai algunhas semanas, apareceu na parte superior do río Vesacarballa unha neveira de grandes dimensións que ten uns efectos nocivos para o hábitat da zona e ademais produce un efecto estético lamentable que lastra a imaxe da parroquia nun bosque de carballos, castiñeiros e outras árbores autóctonas. Tanto dende a Asociación de Veciños como dende o colectivo A Rapa das Bestas informouse desta situación ás administracións e ás forzas de seguridade co dobre obxectivo de que se proceda á súa retirada e se extreme a vixilancia para que estes feitos non se reproduzan no futuro, pero polo momento non se realizou ningunha actuación sobre este asunto e a neveira, así como algún outro pequeno depósito de voluminosos, seguen na parroquia. Por elo, o colectivo veciñal quere denunciar publicamente estes feitos e solicitar que se proceda á eliminación destes vertidos indiscriminados que menoscaban o noso medio natural.






































