O PSOE RECLAMA ACTUACIÓNS CON “EXTREMA URXENCIA” NA AVENIDA DE SANTIAGO

O PSOE reclama actuacións urxentes na Avenida de Santiago
e cualifica a situación como “insostible”. López Bueno recorda que “tanto os
veciños e veciñas da zona como o Grupo Municipal Socialista levamos
tempo reivindicando esta necesidade. Mentres tanto, o goberno non é capaz
de sacar adiante o orzamento para o 2020 e iso impide que coñezamos se
pensan actuar ou non”.
Para os socialistas as carencias na Avenida de Santiago son “un reflexo
claro da situación da Estrada, tanto do rural como da vila. Este goberno é
incapaz de resolver os problemas do día a día. Gástanse millóns de euros na
ampliación da alameda pero os veciños e veciñas non poden chegar con
normalidade ás súas vivendas nin poden deixar os seus vehículos
estacionados nesa e noutras rúas”.
O voceiro socialista valora que “no PMUS existe unha ficha para esa área, e
debería haber unha solución en marcha para os problemas do firme, que
está causando problemas importantísimos para os veciños e veciñas, e
tamén nos consta que existen problemas nos edificios cos servizos
soterrados como o saneamento”.
Os socialistas opinan que “o máis acaído é facer unha actuación definitiva
que resolva os problemas de asentamento do asfalto, e de paso aproveitar
para realizar as melloras que sexan necesarias nos servizos”. Ademais diso,
tamén recordan que “xa anunciamos a nosa intención de que a actuación
sexa ambiciosa e se faga unha remodelación sobre toda a área. Xa que
propoñemos unha actuación, é mellor resolver todos os problemas dunha
soa vez para que as solucións sexan duradeiras”.
López Bueno remarca que “non se trata dun capricho, se non que son
necesidades que saltan á vista de todos. Estamos a falar dunha zona na que
existe unha escola infantil, un colexio, é un lugar de paso para saír do casco
urbano e ademais concentra un número moi importante de domicilios” e
critica que “a pesar da importancia que ten a Avenida de Santiago, a acción
do goberno limítase a solucións temporais que apenas duran unhas horas”.
O líder socialista tamén dubida de que o goberno prevea actuacións no
2020 “o grupo de goberno responde con evasivas cada vez que lles
recordamos estas necesidades, e está recollido nas actas do Pleno, por
exemplo”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta