O PSOE esixe que se manteñan os pagos ás empresas que
prestan servizos para o Concello para “evitar que estas empresas se vexan
obrigadas a acudir a un ERTE”. López Bueno valora que “é certo que a
situación do estado de alarma suspendeu automaticamente os contratos,
pero hai concellos que manterán o pago do canon a esas empresas.
Parécenos lóxico poñer a capacidade económica do Concello ao servizo dos
veciños e as veciñas”.
O voceiro socialista afirma que “levamos días de contactos para poñerlle
unha solución ao problema, pero parece que o goberno tomou a decisión de
non pagar. Manter estes gastos evitaría que máis de 20 familias vaian a un
ERTE, e parécenos que o Concello debe coidar dos traballadores
estradenses”.
Os socialistas poñen o exemplo de Vilagarcía, onde “a pesar de que
algunhas concesionarias están obrigadas a suspender a prestación dos
servizos, o concello sosterá os gastos operativos con normalidade. Isto pon
de reflexo que o problema é unicamente de vontade política”. Na Estrada
valora que “as grandes perxudicadas son as concesionarias do Espazo
Concilia, Centro de Atención Temperá, Escola Infantil… todas na área de
servizos sociais. Cómpre ser sensibles coa situación e garantir a súa
viabilidade económica. Só deste xeito podemos evitar a destrución de
emprego no noso concello”.
López Bueno considera que “eses pagos son perfectamente asumibles a
nivel económico e existen partidas habilitadas no orzamento de gastos. No
caso de que o servizo estea suspendido, non se deberían satisfacer gastos
que non se produzan como materiais e outros aprovisionamentos que
derivan da actividade normal dos servizos, pero consideramos fundamental
soster os postos de traballo e os custos fixos”.
Ademais, López Bueno reclama “un paquete de medidas económicas para os
veciños e veciñas, para o comercio e para a industria. Debemos deseñar un
plan de actuación para paliar os efectos económicos da pandemia nestes
colectivos. Esas medidas deberíanse contemplar no orzamento de 2020,
cando o haxa, e dirixirse en especial a aqueles que queden nunha peor
situación”.
O PSOE ESIXE QUE SE MANTEÑAN OS PAGOS ÁS CONCESIONARIAS DO CONCELLO PARA EVITAR ERTES
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.






































