
PSOE, Móvete e BNG uníronse para reclamar a constitución
dunha Mesa de seguimento do Covid-19 na Estrada. A iniciativa xa foi
presentada polo Grupo Municipal Socialista pero segundo o seu voceiro
municipal “interesámonos en varias ocasións polo estado da proposta, sen
ter resposta do Goberno. Dúas semanas despois, non hai novidades e a
Mesa continúa sen convocar”.
Os tres grupos da oposición lamentan que o goberno estea a actuar de xeito
unilateral e lembran que o formato de Mesa que se propón pretende facer
áxil a convocatoria e a participación. Poderíase participar a distancia para
respectar ao máximo as medidas de confinamento e evitar os contaxios.
López Bueno celebra a unión da oposición para reclamar a Mesa “foi unha
iniciativa do PSOE pero é evidente que todos coincidimos. Pensamos que é a
única maneira de que o goberno dea conta das escasas medidas que está a
tomar”. Ademais, o voceiro socialista afirma que “fomos nós os que
tomamos a iniciativa de contactar co goberno no primeiro momento.
Ademais seguimos achegando propostas e traballamos intensamente
procurando que se leven a cabo”. Tamén critica que “A actitude do goberno
é pésima. Para ter datos sanitarios actualizados e información sobre as
decisións que se toman debemos que empregar os nosos propios medios, o
goberno non facilita información sanitaria nin da xestión que está a facer”.
O socialista identifica “incoherencias” no goberno municipal. “Critica a
actuación do Mando único cada vez que pode, pero no Concello tómanse
moi poucas decisións. As propostas están a chegar dende os grupos da
oposición mentres o goberno se limita a agardar a que pase o virus. As súas
únicas medidas son o decreto de servizos mínimos no Concello, a
habilitación dun teléfono de contacto, incluso medir o número de metros
que poden pasear os cans, son iniciativas claramente insuficientes”.
Ademais critica que “ninguén sabe se cando pase esta situación o Goberno
tomará medidas para atender a emerxencia social e económica. Será
necesario mirar polos veciños e reactivar a economía local. Parécenos tan
importante a xestión actual como a do día despois, e cando chegue ese día
A Estrada non terá un plan axustado á realidade do noso Concello”.
Dende Móvete, Mar Blanco esixe “información e transparencia” e ve na
Mesa “a posibilidade de traballar en conxunto en medidas que axuden á
veciñanza que se ve directamente afectada pola crise derivada desta
situación de pandemia”. A voceira ve un problema na falta de información
______________________________________________________________________
______________________________________________________________________
por parte do goberno municipal, “ata agora carecemos de datos oficiais,
tanto do número de contaxios como dos medios dos que dispón o Centro de
Saúde, e tampouco temos información sobre as supostas medidas que está
tomando o Concello ante a situación de emerxencia social”.
Mar Blanco tamén reclama “información sobre a situación económica do
Concello e de asuntos relativos á actividade municipal. Neste senso,
poderíanse celebrar reunións virtuais entre os e as voceiras como se fai por
exemplo en Lalín. Sen embargo, o goberno aproveita esta situación para
excluír á oposición da actividade municipal, semella estar cómodo evitando
que a oposición poida facer a súa labor de control e fiscalización”.
Para Móvete é importante “ter a posibilidade de canalizar e traballar en
conxunto nas diferentes propostas que os grupos e colectivos consideremos
prioritarias para afrontar as consecuencias da pandemia”.
Para o BNG a convocatoria da Mesa é “urxente”. Susana Camba tamén fai
fincapé en que “descoñecemos de primeira man as accións que o goberno
local ten pensado levar a cabo para paliar as consecuencias destra crise
sanitaria e económica, e queremos que se nos informe da situación sanitaria
ao detalle, sen ternos que enterar pola prensa”.
A voceira nacionalista tamén esixe “saber que medidas se están tomando
para axudar ás persoas que sofren desamparo económico e aos
comerciantes que se viron na obriga de suspender as súas actividades” e
consideran que “a Mesa é a canle axeitada para debater e achegar solucións
con todos os organismos implicados no control desta crise: sanitarios,
servizos sociais, protección civil, servizos de limpeza e desinfección e policía
local”.
Susana Camba sentenciou que “a día de hoxe, cos avances tecnolóxicos e a
posibilidade de reunións telemáticas, activar esta Mesa só é cuestión de
vontade, vontade que dende logo temos dende a oposición”.






































