“O mellor faro para impedir que os pobos tropecen é unha escola”. Así é que nestes momentos de cambios, de incertezas, de procura de información, de investigación e de illamento social, esta máxima do dramaturgo estradense Manuel Daniel Varela Buxán acada aínda máis significado para unha comunidade educativa, como é da do Foxo, que se está a preocupar durante esta corentena por seguir mantendo acesa a luz desa súa gran torre guía á que se refería o seu veciño escritor.
Máis alá da impartición dos contidos estritamente académicos, no que tamén se involucra vía telemática, o equipo docente do Foxo esforzase por ensinarlle aos seus alumnos e alumnas que a aprendizaxe da vida está no que os arrodea: nas tarefas domésticas, nas conversas cos avós, avoas, papás e mamás ou mesmo no tan ansiado paseo que agora, logo de mes e medio de confinamento, lle permiten facer á cativada.
Ó menos unha vez á semana, os profes chaman á porta virtual do seus pupilos e pupilas, un a un, para interesarse por como están, por como levan o confinamento e para verse as caras dende a casa e así botar un pouco menos en falta esa gran comunidade que forman, ese faro que mudou de lugar físico, pero que, malia ó coronavirus, nunca, nunca, deixa de alumear.







































