O alcalde da Estrada, José López Campos, e o concelleiro
de Promoción Económica, Comercio e Emprego, Óscar Durán, presentaron esta mañá a campaña “Eu lémbrome de ti” para contribuír á dinamización da economía local tratando de concienciar á veciñanza sobre a importancia de consumir e realizar compras dentro do municipio.
Na presentación tamén estiveron presentes o presidente da ACE, Fernando Martínez; o presidente da ACOE, Alfredo González; e o presidente de Hosteleiros da Estrada, Manuel Bascuas, cuxos colectivos colaborarán na difusión dunha mensaxe que se espallará durante as vindeiras semanas a través de carteis nos establecementos, vallas publicitarias,
vídeos, cuñas radiofónicas, anuncios en prensa e, sobre todo, as redes sociais. José López agradeceu á colaboración de todos os colectivos para proxectar “unha mensaxe forte e de unidade” e resaltou que “esta campaña lánzase no momento xusto, que é cando comezan a recuperarse practicamente todas as actividades económicas e que é cando realmente fai falla concienciarnos todos da necesidade de axudar aos negocios
locais”.
“Esta campaña busca remover conciencias e apelar á memoria recente sobre o moito que botamos de menos nesta pandemia poder gozar dun pobo vivo, tamén no ámbito económico. Non debemos esquecer que de nada servirían os aplausos nos balcóns cos nosos veciños e o moito que os botamos de menos, se agora non axudamos a todos aqueles que teñen un negocio local”, argumentou o alcalde.
José López resaltou que esta campaña, xunto con outras accións que se anunciarán nas vindeiras semanas, non se limitará ao periodo de desescalada do confinamento, senón que se prolongará tamén durante a etapa post Covid-19.
“Cónstame que os negocios están a facer grandes esforzos non só para adaptarse á nova realidade e para garantir a seguridade de todos os clientes, senón para seguir sendo realmente competitivos coas grandes multinacionais e as grandes áreas comerciais. Por iso agora é cando debemos lembrar todos e cada un dos motivos que temos para consumir na hostalaría local, para comprar nos comercios locais e para facer negocios coas
empresas e autónomos da Estrada”, engadiu o alcalde.







































