Luis López Bueno pídelle ao Goberno municipal que inicie un
diálogo coa Xunta de Galicia para conseguir unha remodelación do enlace á
AG-53 dende a N-640 á altura da Rocha.
O voceiro socialista considera que a conexión actual é “especialmente
perigosa” para camións con semirremolque e autobuses. Cre que o forte
desnivel que existe entre a carretera nacional e a carretera de Orazo fai que
“os camioneiros non utilicen ese enlace” obrigando ao tráfico pesado a
continuar ruta ata o enlace de Silleda “aumentando a duración da viaxe e
incrementando os custos de operación dos transportistas”.
López Bueno ve posibilidades de conseguir a remodelación pero recorda que
“esta actuación depende da Xunta de Galicia e do Ministerio de Transportes,
Mobilidade e Axenda Urbana”. Considera prioritario conseguir o apoio da
administración autonómica para iniciar o procedemento, porque “se a Xunta
non compromete recursos, non será posible ningunha actuación”.
Para o líder socialista esta actuación “é unha débeda coa Estrada” e critica a
“pasividade” do goberno local durante os últimos anos, aínda que o PSOE xa
leva tempo reclamándoa. Ademais recorda que “o propio López Campos
recoñeceu en prensa que o acceso actual é unha chapuza, pero en 10 anos
non se preocupou de resolver a situación”.
Esgrime que “Dozón pronto terá un novo acceso á mesma autopista” e
defende que o enlace da Rocha podería ser estratéxico para A Estrada,
asegurando que “se estivera en condicións, favorecería a competitividade
das industrias da comarca” aliviando “custos de loxística”.
Cre que o novo enlace facilitaría a conexión da Estrada co resto do Estado
xa que “existiría unha entrada cómoda na AG-53 a poucos quilómetros da
vila” e “nun lugar de paso”. Ademais, ve unha medida que pularía polas
empresas locais e favorecería o establecemento de novas industrias que
“xeren emprego e riqueza”.
Por isto López Bueno cre “fundamental” a determinación do Goberno local
para que a Xunta mova ficha, e ofrece o seu apoio para “iniciar as
negociacións”. Garante ademais que o Ministerio “verá con bos ollos” a
actuación sempre que a Xunta ofreza “un reparto de compromisos xusto”.
LÓPEZ BUENO INSTA AO CONCELLO A RECLAMARLLE Á XUNTA UNHA NOVA CONEXIÓN ENTRE A N-640 E AG-53
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































