O PSOE REAFÍRMASE NAS QUEIXAS DE COMERCIANTES NON ASOCIADOS QUE NON RECIBIRON INVITACIÓN PARA O MERCADO DE VERÁN

O PSOE da Estrada reafírmase nas acusacións ao goberno local de “darlle o Mercado de verán a unha parte do comercio local”. Luis López Bueno considera moi revelador que Óscar Durán “non teña nada que dicir” como presidente da Mesa polo comercio. «É o responsable de promoción económica, debería dar explicacións”. Destaca tamén que o seu grupo nom tivo a información para participar activamente na organización do evento.

 

O voceiro socialista asegura que o goberno local decidiu que “na Estrada hai comerciantes de primeira e comerciantes de segunda”. Os socialistas recollen as queixas dos propios comerciantes que non recibiron “ningunha comunicación para participar no evento”. López Bueno opina que “cando se organiza unha actividade e se pretende convidar á participación, cando menos hai que facer chamadas ou facer chegar unha comunicación, e iso non se fixo”.

 

López Bueno lamenta que o goberno non controlase a organización do evento e considera “ridículo” que o executivo local dera por resoltas as invitacións aos comercios “con dous posts en Facebook e 10 segundos de intervención na emisora local”. Nese sentido, pregúntase como os concelleiros de Promoción económica ou o de Eventos “non tomaron cartas no asunto” para defender os compromisos que adquirira o goberno na Mesa polo comercio.

 

No plano de afluencia ao Mercado de verán, o socialista considera que non houbo unha promoción axeitada, «faltou tempo, puidéronse facer máis accións de publicidade». Ademais afirma que «hai postos de empresas de fóra da Estrada, sen que se lle ofreceran antes a comerciantes locais».

 

O líder socialista considera que a actuación do goberno municipal está sendo “moi pobre” no que se refire á reactivación da economía. A este propósito, López Bueno considera que “as propostas que están dando rendemento son as do paquete de medidas do Partido Socialista, as únicas que son concretas e que teñen un impacto económico medible”. A actitude propositiva dos socialistas contrasta coa “incomparecencia” do goberno local. O estudo que o goberno local lle encargou á USC debería dar os primeiros datos en xuño, pero “aínda non se sabe nada del”.

 

López Bueno valora que a situación do comercio na Estrada é “moi delicada” a nivel económico, e apóiase no traballo dos socialistas, “que estamos moi preto dos comerciantes”. O líder valora que “nin o PSOE son eu só nin se pode personalizar o comercio nunha persoa” e cre que a inacción do goberno do PP está condenando ao comercio local á súa desaparición, “non hai apoio económico, non hai medidas para atallar o problema dos prezos do aluguer de baixos comerciais… unicamente se adoptaron medidas cosméticas, non vemos un apoio decidido”.

 

O voceiro analiza que “a única proposta do PP foi unha campaña publicitaria” e considera que “é difícil saber se o vídeo promocional e a publicidade foron ou non rendibles”. En calquera caso, considera que a aportación do Concello da Estrada para a promoción da economía local despois do parón pola covid é “raquítica” en contraste con concellos da contorna “500.000 euros en Silleda, 700.000 euros en Lalín, e arredor de 150.000 na Estrada”.

 

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta