O BNG rexistra unha moción para reforzar e mellorar o punto limpo

Aposta pola recollida de materiais polas parroquias e por mellorar a xestión do punto limpo municipal, garantindo un correcto tratamento dos residuos dun xeito constante e regular

O BNG da Estrada rexistra unha moción para reforzar e mellorar o servizo de presta o concello no punto limpo. A organización nacionalista leva tempo denunciando a situación que vén padecendo o punto limpo. Unha situación de completo abandono e desleixo por parte do goberno municipal do PP e que ultimamente está chegando a un nivel incontrolábel, coas graves consecuencias que isto ten para o conxunto da veciñanza. Os puntos limpos son parte indispensábel do correcto tratamento dos residuos, xa que en moitas ocasións a súa reciclaxe convencional xeraría unha contaminación engadida. Por iso un correcto funcionamento do punto limpo é tan importante.

A falta dunha xestión axeitada e adecuada do punto limpo impide que a veciñanza poida depositar aí os seus residuos polo que quedan tres opcións: o acaparamento de lixo nas casas dos veciños, o seu tratamento incorrecto desbotándoo nun colector que non lle corresponde ou a aparición de vertedoiros incontrolados no monte, como os que o BNG vén de denunciar recentemente, por exemplo, no lugar de Outeiro en Agar. Para evitar estes comportamentos é necesaria a dotación dunha alternativa viable e realista, como a implantación de puntos de recollida parroquiais que faciliten á veciñanza o depósito dos seus residuos e a recollida a domicilio dos obxectos máis voluminosos ou pesados.

Porén, os puntos limpos xa non se poden seguir xestionando dende unha óptica de almacenamento de residuos. Se ben é certo que a reciclaxe é importante o ideal é centrarse tanto na redución coma na reutilización. É por iso que unha correcta xestión do punto limpo pasa por modernizalo e complementalo cun punto de reparación e intercambio que permita alargar a vida útil dos obxectos, evitando que se desboten antes de tempo, ou permitindo que outros usuarios poidan facerse con obxectos reparados que non lle eran útiles ao dono orixinal.

Puntos de acordo da moción do BNG:

  • Aclarar a situación actual de deseleixo que sufre o punto limpo.
  • Actuar para mellorar a xestión do Punto Limpo municipal, garantindo un correcto tratamento dos residuos dun xeito constante e regular.
  • Facer unha correcta publicidade e dar unha información adecuada tanto dos horarios como do funcionamento do punto limpo.
  • Actuar de forma decidida contra os vertedoiros ilegais no monte, foco de contaminación.
  • Crear puntos fixos de recollida do punto limpo nas parroquias e reforzar o servizo de recollida a domicilio facilitando o depósito dos residuos e desincentivando a aparición de vertedoiros ilegais no monte.
  • Implantar no punto limpo un punto de reparación, troco e intercambio alargando así a vida dos obxectos podendo para iso establecer colaboracións con módulos de Formación Profesional ou empresas locais.
  • Estudar a integración da Estrada na rede galega PxR da Xunta de Galiza para dotar dunha segunda vida aos obxectos, reutilizándoos e reducindo os residuos xerados no concello.
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta