Cursos de folclore en liña
Antes do confinamento para previr a expansión do coronavirus, a formación online xa era unha realidade e unha opción consolidada para quenes tiñan problemas para adaptarse ao sistema dunha formación presencial en moitas materias, sen embargo, nunca houbo unha necesidade nin un proxecto de facer clases online de foclore dende aulas virtuais e con profesorado en directo a través dunha plataforma en streaming.
Agora o parón obrigado pola pandemia supuxo que moitas actividades se tiveran que reinventar para sacar os seus cursos adiante en tempos dunha nova normalidade.
Visto isto en Tequexetéldere decidimos crear a nosa propia aula virtual, para dar soporte ao noso profesorado e poder impartir, ademais das aulas das nosas aulas en curso, poder ofertas novos cursos para todo aquel que este interesado, xa ben viva na Estrada ou fora do noso concello.
A aula virtual de Tequexetéldere podemos acceder directamente dende a nosa páxina web tequexeteldere.gal e alí haberá información de como mercar os cursos a duración dos mesmos, profesorado, contidos do curso e toda a información de interés do alumnado
As clases serán na modalidade de directo on line mediante Google Meet, unha ferramenta de balde que xa ven integrada dentro do paquete Gsuite e completamente compatible con Google Classroom.
As videochamadas de Meet cífranse en tránsito, e todas as medidas de seguridade actualizanse constemente para ofrecer un nivel de protección optimo, tamén se poden organizar aulas multitudinarias e acceder de forma sinxela dende calquera dispositivo con só compartir unha ligazón aos membros de cada aula.
O alumnado que este interesado, poderá mercar os cursos online e facer o pago mediante transferencia bancaria ou Paypal e acceder as aulas ven en directo ou despois gravadas durante o tempo que dure dito curso, que poderá ir dende unhas semanas ata varios meses.
Ademais do noso alumnado máis cercano, Tequexetéldere quere difundir e achegar as súas aulas aos centros galegos tanto do estado como do exterior.
Esta plataforma recén creada para a formación e ensino do noso folclore, tamén ten unha versión dispoñible para dispositivos móbiles.
PRIMEIROS CURSOS QUE OFERTAMOS
Estreamos a nosa aula virtual con 3 cursos, 2 de baile galego (impartidos por Javier Sanmartín) e un de mantemento e iniciación de gaita galega (impartido por Suso Vaamonde)
OBRADOIRO DE INICIACIÓN Ó BAILE GALEGO
Impartido por Javier Sanmartín
FUNDAMENTACIÓN
Este obradoiro está proxectado para aquelas persoas que se inician no baile tradicional galego. Aqueles bailadores que queren entrar no torreiro a danzar e darlle donaire ó corpo nas diferentes ruadas, foliadas, seráns, polavilas, filandóns e reunións en torno ás nosas músicas tradicionais.
A idea de diversión a través da danza onde a improvisación e a expresividade corporal se transmite en complicidade coa túa parexa de baile ou de forma colectiva.
Así mesmo, este Obradoiro nace para ser tamén unha aproximación inicial e ferramenta didáctica en programacions de ensino, ocio e tempo libre e dinámicas de grupo motrices, expresivas e creativas.
CONTIDOS
- Movementos básicos repetidos na xeografía galega en base ás tradicións transmitidas de xeración en xeración, fonte de sabiduría e información nos diferentes estudos de campo e investigación realizados en vilas e aldeas galegas.
- Dar a coñecer e achegarse á danza tradicional galega a través das diferenzas de expresión e identidade segundo a variabilidade xeográfica.
- Iniciación á expresión corporal e coordinación motriz e musical tendo como base rítmica os diferentes melodías e músicas tradicionais de informantes galegos.
- Creación dun espazo de diversión e transmisión da nosa cultural tradicional galega en liña en tempos de especial dificultade de xuntanzas sociais.
METODOLOXÍA
- Oito sesións practicas en liña de 45 min de duración os Martes de 20:00 a 20:45 horas, a través da Escola Virtual de Tequexetéldere.
- Espazos e encontros en liña con exposicións teóricas e coloquio entre os bailadores.
- Foliada virtual como remate do Obradoiro.
OBRADOIRO DE BAILE TRADICIONAL EN LIÑA
» TABEIRÓS E TERRA DE MONTES «
Impartido por Javier Sanmartín
FUNDAMENTACIÓN
Este obradoiro está proxectado para aquelas persoas con coñecementos previos no baile tradicional galego que queiran ampliar os seus coñecementos e disfrutar das tradicións dunha comarca, a de Tabeiros e Terra de Montes, no que o baile e a música tradicional tiveron unha fundamental trascendencia nas súas xentes e no seu acontecer.
Terra dos Gaiteiros de Soutelo e dos emblemáticos requinteiros Os airiños da Ulla, entre outros, sempre foi zume de esencia galega e de forte enraizamento coas nosas tradicions, polo cal, era necesario sintetizar e transmitir unha formación especifica baseada en traballos de campo e investigacións realizadas en diferentes aldeas e vilas galegas repartidas polos concellos da Estrada, Forcarei e Cerdedo.
CONTIDOS
- Dar a coñecer e achegarse ás tradicións en forma de baile e música tradicional galega a través das diferenzas de expresión e identidade segundo a variabilidade xeográfica dentro das terras de Tabeirós e Terra de Montes.
- Baile solto con combinación das diferentes estructuras que se realizaban no torreiro, tendo como base rítmica as diferentes melodías e músicas tradicionais de informantes galegos desta comarca.
- Creación dun espazo de diversión e transmisión da nosa cultural tradicional galega en liña en tempos de especial dificultade de xuntanzas sociais.
METODOLOXÍA
- Oito sesións practicas en liña de 45 min de duración os Martes de 21:00 a 21:45 horas, a través da Escola Virtual de Tequexetéldere.
- Espazos e encontros en liña con exposicións teóricas e coloquio entre os bailadores.
- Foliada virtual como remate do Obradoiro.
Cursos impartidos por JAVIER SANMARTÍN LÓPEZ
A súa andaina no baile e na música tradicional se produce dende moi novo na escola e posteriormente no grupo oficial de baile da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela. Imparte as primeiras aulas en dita escola de muiñeira chegando posteriormente á dirección do grupo de baile desta Agrupación. Asemade, inicia novos sendeiros como mestre de baile e música tradicional en diferentes Agrupacións e Asociacións culturais galegas e no exterior, como a da Escola de baile e música tradicional de Dumbría ,Centro Social de Cee, CEIP de Carnota, CEIP de Dumbría, Escola de baile do Centro Cultural A Ponte Vella de Reis, Escola de baile da Agrupación Tequexetéldere da Estrada e grupos da Galiza exterior…
Actualmente dirixe o grupo oficial de baile do Centro Cultural A Ponte Vella de Teo ( 2007-Actualidade ), o grupo de baile Tequexetéldere da Estrada ( 2009-Actualidade ) e o grupo de baile da Agrupación Folclórica Cántigas e Frores de Lugo ( 2015- Actualidade ).
A súa dedicación ó ensino ten como base a investigación de tradicións en torno á música e ó baile tradicional, a través da recolleita e recopilación en diferentes vilas e aldeas galegas. Esta afección polas nosas tradicións fai posible a realización e dirección de diferentes experiencias e mostras etnográficas como o espectáculo de raíz » Lenda » ( CC. A Ponte Vella 2018-2020 ), “ O son do sabugueiro ” ( C.C. A Ponte Vella 2015-2017 ), “ Voa ” ( Tequexetéldere 2016-2017 ), Gala XXV Aniversario Tequexetéldere ( 2015 ), Gala etnográfica “ Como cho conto ” ( Cantigas e Agarimos 2010 ), Gala etnográfica “ Lela ” ( Cantigas e Agarimos 2011-12 ), “ O Casamento”. ( C. S. de Cee 2007 ) ou a mostra “ O Serán ” ( E. M. Dumbría 2005-2006 ), entre outros.
Por último indicar a realización de diversos talleres en festivais e obradoiros de cultura tradicional en Galiza, Portugal, Barcelona, Italia, Bélxica ou Francia.
MANTEMENTO E AFINACIÓN DA GAITA GALEGA
IMPARTIDO POR SUSO VAAMONDE
Obxectivo
Palletas, pallóns, corchos, fíos… cantos gaiteiros que saben tocar unha morea de cancións, non obstante, descoñecen as pautas básicas para facer un correcto mantemento e afinar o seu instrumento?
Neste curso semipresencial aprenderás a afinar correctamente o teu instrumento e a facerlle o mantemento necesario básico para telo sempre a punto. Coñecerás os últimos materiais empregados para todos os compoñentes dunha gaita do século XXI: pallóns de PLA con láminas de fibra de vidro, gaitas de POM, METACRILATO, PET, válvulas de corte, buxas de cierre… E descubrirás ventaxas e inconvintes das palletas e pallóns de plástico e de cana.
Suso Vaamonde ensinaráche maneiras, métodos e habilidades para que aprendas a ter o teu iNStrumento sempre nas mellores condicións para o seu uso e disfrute.
Metodoloxía
- As clases serán de 60 minutos semanais, por medio da plataforma Google Meet.
- Nesta clase o mestre dará información sobre afinación e correcto mantemento da gaita en xeral, e de todos os seus compoñentes en particular.
- O mestre expoñerá un tema en concreto. Por exemplo: enfiado da palleta. Tratará a principal problemática, aportará as diferentes solucións ao mesmo, e, unha vez ensinado cómo se aplica a solución, cada alumno fará o propio baixo a supervisión do mestre.
- A duración do curso será de dous meses (8 clases)
SUSO VAAMONDE MANTEIGA
Suso Vaamonde Manteiga, Músico intérprete e Mestre de instrumentos populares (Visantoña, 1970) é Licenciado en Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela, e posúe o Título Profesional de Gaita polo Conservatorio Mayeusis de Vigo.
Formou parte de grupos tan prestixiosos como Xacarandaina, Ballet Galego Rey de Viana, Leliadoura, Luvas Verdes, Cantata Vernácula, Trío Vaamonde, Lamas e Romero… Actualmente desenvolve a súa actividade musical principalmente no coro histórico “Aires da Terra: o legado de Feijóo”, no espectáculo De tradición con Suso Vaamonde (Suso Vaamonde con banda de música) e 24 Instrumentos Populares (Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero).
Foi Mestre de Música Tradicional do IGAEM (actualmente AGADIC), e músico colaborador do Centro Coreográfico Galego, tanto na interpretación de instrumentos como na impartición de talleres e obradoiros didácticos.
Ten impartido diversos cursos de técnica e afinación de gaita galega (Casa de Galicia de San Sebastián, A.F.C. Cantigas e Frores, Asociación Cultural de Folclore Tradicional Ourensá, Academia Escola da Vaca, do Ferrol, Cursos de Especialización para a Galicia do Exterior en Santiago de Compostela…).
Destaca ademais no campo da composición, sendo autor de máis de corenta obras e outros tantos arranxos. A meirande parte da súa obra está gravada por él mesmo en diversas publicacións discográficas.
Acadóu diversos premios como solista: Gañador do Concurso de Gaita Constantino Bellón nos anos 1992 e 1997, gañador do Premio LUAR 2000 como Mellor grupo de música tradicional…
Ten participado en máis dunha veintena de gravacións discográficas e publicado varias obras para gaita (Solo de Gaita, Cadernos de gaita galega -4 en total-, Doce Polainas Enteiras, De pano sedán, Revista de Etnomusicoloxía, Pel e Madeira I e II…)
O 2 de agosto de 2005 foi o único gaiteiro solista encargado de interpretar a Marcha do Antigo Reino de Galiza na Toma de posesión do Presidente da Xunta, don Emilio Pérez Touriño.
Participou tamén como gaiteiro solista nos actos de conmemoración do “25 Aniversario do Parlamento de Galicia”, tanto na apertura coma na clausura, que tiveron lugar os días 14/12/2005 e 19/12/2006 respectivamente.
Colaborou como xurado e músico no programa da TVG “LUAR” no concurso Vai de gaita infantil durante as tempadas 2014-2015, e 2015-2016, promovendo a difusión dos instrumentos populares galegos interpretados por nenos menores de 13 anos.
Na actualidade é o Director, Profesor e Coordinador da “Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde”, en Arcos da Condesa (Caldas de Reis). Tamén é Mestre de instrumentos populares na “Escola de Música Tradicional do Concello de Outes”; na asociación “ASMUBE”, de Betanzos; na asociación “Hai que Roelo”, de Cuntis; na asociación “Amigos da Música”, de Salceda de Caselas; e na “Aula Permanente de Instrumentos Populares” da Universidade de Vigo, no Campus de Pontevedra. Foi Mestre de Zanfona na “TRADESCOLA”, en Lugo dende outubro de 2017 ata xuño de 2019.







































