O PSOE da Estrada proporá levar a Fundación de
Exposicións e Congresos cara a innovación, mantendo os obxectivos para os
que foi concibida. Luis López Bueno considera que é certo que a Fundación
non responde ás necesidades actuais, e por iso se require un “cambio de
modelo, pero non de obxectivo”.
López Bueno explica que “o modelo a seguir é o do CTAG”, porque “é unha
necesidade do sector e A Estrada conta con instalacións suficientes para
acoller un organismo destas características”. A súa proposta céntrase nun
modelo que sirva para apoiar a innovación no sector do moble e que
permita “atopar mellores solucións para ser máis competitivos”, dende o
punto de vista da eficiencia organizativa, materiais, deseño, produción, rede
de vendas e internacionalización e recursos humanos.
O socialista remarca que a Fundación debe serlle útil ao sector do moble
local, e para iso debe ter a complicidade da patronal do moble. “Só así
cubrirá necesidades reais” afirma. Levará ao Padroado unha proposta
“pensada” e “ben fundamentada”, facendo énfase en que o sector do moble
mobiliza 2.000 millóns de euros e xera 10.000 empregos en Galicia “sen
contar o sector forestal”.
En primeiro lugar, considera que a súa proposta “enche un baleiro” porque
non existe unha entidade comparable no sector do moble. Así, a súa
intención é propoñer unha serie de tarefas para que no seguinte padroado
existan avances que tratar. “A transformación débese tratar xa, e iniciar os
traballos inmediatamente. Non podemos quedar emprazados a un padroado
posterior”, indica López Bueno, criticando a pasividade da Xunta “que
coñece os problemas dende hai anos, sen que movera un dedo”.
Ante a falta dun xerente ao que encomendarlle as tarefas, López Bueno
proporá que a Xunta de Galicia financie un estudo que elaborarían técnicos
da Axencia Galega de Innovación e do Instituto Galego de Promoción
Económica, co apoio do Clúster da Madeira. Este traballo debería responder
ás preguntas sobre “necesidades do sector do moble, proposta de
organigrama e cadro de persoal necesario para a entidade, investimentos
necesarios e alternativas de financiamento da inversión inicial”.
O socialista entende que a aplicación de fondos europeos pode apoiar o
funcionamento da entidade a través dos proxectos concretos, pero cre que
é fundamental o apoio económico da Xunta de Galicia porque “primeiro
debe existir unha organización que os execute”. Apunta que os fondos
europeos Next Generation están para “fomentar a actividade, a innovación
e a transformación enerxética” sen que exista ningunha liña na que encaixe
a creación de entidades como a que se propón.
“Para poder elaborar os proxectos concretos, aínda quedan moitos capítulos
por escribir”, dicía o líder socialista. Entende que queda moito traballo para
definir como será a entidade no futuro, e quedan moitos investimentos por
realizar para adecuar as instalacións e a organización aos novos obxectivos.
López Bueno tamén ve espazo para a colaboración público-privada dentro
da propia fundación, “igual que acontece co CTAG”. Opina que “se os
obxectivos da patronal do moble están aliñados cos da fundación, seguro
que aparecerán oportunidades de colaboración”.
Así, o líder socialista marca distancias co alcalde da Estrada, que propón
reformar a Fundación e orientala cara o sector forestal. Aínda que comparte
co rexedor a necesidade de modificacións profundas, López Bueno considera
que a proposta forestal non ten recorrido. Afirma que descoñece con que
profundidade se vai a expoñer a idea de López Campos, pero ve “un
paralelismo evidente” coas funcións da Axencia da Industria Forestal (XERA)
e do CIS Madeira, que depende do propio XERA.
Por esta razón, López Bueno ve “improbable” que a Xunta de Galicia se
involucre na proposta do rexedor, porque “xa existe un organismo
autonómico como o que propón o alcalde”, aínda que ve posible “atraer á
estrada novas actividades”. Ademais, pídelle ao alcalde que centre o seu
discurso sobre a Fundación, porque “hai dous meses ía centrarse no moble,
e agora vai a ser para o sector forestal”. O socialista ve “lagoas” na idea de
López Campos, como a falta de propostas concretas sobre o modelo. É
máis, o socialista valora que o alcalde “leva anos falando de reformular a
fundación pero nunca con propostas concretas, só con palabras
grandilocuentes que non se materializaron en nada”.
Fóra das discrepancias, López Bueno ve “posibilidades de entendemento”
entre os dous representantes municipais no padroado, e reuniuse co
rexedor o pasado luns para tratar de consensuar posturas. O encontro
transcorreu con normalidade e quedaron sobre a mesa asuntos como que
acontecerá co espazo expositivo no 2021 e se o Antón Losada poderá
continuar coa formación de madeira e moble nas instalacións.
LÓPEZ BUENO PROPORÁ CENTRAR A FUNDACIÓN NO MOBLE,
REPLICANDO O MODELO DO CTAG NESTE SECTOR
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































