«Hoxe, nestes tempos convulsos e difíciles para o mundo da
cultura, teño a enorme satisfacción de anunciar o
nacemento dun novo premio literario», son as palabras co concelleiro de Cultura Estradense Juán Constenla na mañá de hoxe.
Ben sabedes que a nosa vila pasa por ser na actualidade a
grande impulsora deste tipo de certames en Galicia. O
García Barros de novela, o Avelina Valladares de poesía,
o Varela Buxán de Teatro, o Reimóndez Portela de
xornalismo, o San Martiño de Normalización Lingüística ou
mesmo os de fotografía e curtametraxes do Festival de
Cine Panic son a demostración palpable do compromiso da
nosa vila coa cultura e co proceso de creación artística.
O premio que hoxe presentamos reinvindica tamén o
legado de Manuel García Barros tomando o nome de un
dos seus personaxes máis populares: Alberte Quiñoi. É por
tanto un premio dirixido ao ámbito infantil e ao xénero do
álbum ilustrado.
O álbum ilustrado é aquela obra que narra unha historia
axudada de contido gráfico. Unha peza que mestura, pois,
ilustracións e texto.
Este premio, que conta coa colaboración da Secretaría
Xeral de Política Lingüística e da Ed. Galaxia nace con
varios propósitos: O de potenciar a escrita literaria en
galego, o de divulgar o legado de Manuel García Barros e o
de fomentar a animación á lectura no ámbito da educación
infantil. Tres propósitos ambiciosos, pero necesarios para
impulsar a creatividade e o interese pola literatura en lingua
galega.
A convocatoria deste I Premio Alberte Quiñoi de Álbum
Ilustrado queda aberta desde hoxe ata o 25 de febreiro. As
obras estarán escritas por un ou máis autores e contarán
cunha extensión de entre 24 e 56 páxinas. Establécese un
premio único de 2.000 euros para o gañador ou gañadora, e
de ser varios os autores, repartirase o premio entres eles de forma equitativa. O álbum gañador será publicado pola Ed.
Galaxia.
Quero reinvindicar, coa convocatoria deste premio, o
compromiso da Estrada e dos estradenses coa cultura e
cos seus referentes culturais.
Hoxe máis que nunca, a situación de reclusión sanitaria nos
demostra a importancia que a creación artística ten para
romper coa rutina sen erguerse do sillón. A compañía dun
libro, dunha película ou dun disco é quizais máis apreciada
que antes da pandemia; por iso, desde a administración
estamos obrigados, en xusta correspondencia cos autores,
a estimular os procesos de creación cultural por medio de
iniciativas como esta.
Nada máis. Recordar, para rematar, que xa se poden
recoller no dpto. De Cultura os convites para os distintos
actos do Festival de Cine de Terror Panic que comezará a
vindeira semana coa visita de Morris ao Teatro Principal.







































