
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, acudiu esta tarde ao centro de saúde da Estrada acompañada polo alcalde José López Campos para asistir ao inicio do cribado de detección da covid-19 impulsado pola Área Sanitaria de Santiago e Barbanza e fixo un chamamento aos 2.800 veciños convocados para que participen masivamente nestas probas “co obxectivo de detectar casos asintomáticos para frear a transmisión e os contaxios e protexer a saúde dun dos concellos máis poboados da provincia de Pontevedra”.
A representante autonómica, que compareceu acompañada do alcalde da Estrada, José López, quixo destacar o “compromiso e esforzo” que está a realizar o Sergas para conter a pandemia en todos os territorios e, especialmente, na provincia de Pontevedra, onde se citaron a máis de 47.000 persoas a estas probas entre a semana pasada e a actual. Así, xa se realizaron en Vigo, Poio, Silleda, Forcarei e Salvaterra e vanse efectuar nestes días en Moraña, Soutomaior ou Ponte Caldelas, sen contar outro de tipo de cribados máis pequenos, como os dos centros educativos, ou os orientados a colectivos específicos.
“Toda a Xunta de Galicia está volcada fronte á crise sanitaria e loxicamente actuamos alí onde é máis necesario, como é o caso da Estrada, que ten 148 casos a día de hoxe e unha incidencia lixeiramente superior aos 700 casos por cada 100.000 habitantes”, manifestou a delegada, que tamén quixo expresar a súa tristura e trasladar as súas condolencias polos nove falecidos da Estrada como consecuencia da covid-19 -o derradeiro a pasada fin de semana- dende que comezou a pandemia.
Luisa Piñeiro, que non quixo acceder ao centro de saúde por prudencia e respecto ao traballo e privacidade do proceso, reiterou a importancia da participación “para cortar de raíz os actuais niveis de contaxios” na Estrada e explicou que a poboación diana seleccionada, de 2.800 veciños de entre 31 e 50 anos, determinouse en base a criterios sanitarios e de relacións sociais e familiares do municipio “para optimizar a localización de casos nun tempo áxil, xa que a transmisión que hai neste concello precisa de datos rápidos para proceder a realizar actuacións inmediatas”.
Este proceso de cribado prolongarase durante tres xornadas, xa que tamén haberá controis nas tardes de mañá e do xoves, a través de equipos de enfermería e os veciños convocados serán informados a través de SMS telefónico. En canto aos resultados, trasladaranse por medio de mensaxe en caso negativo e vía telefónica para os positivos.






































