A Xunta de Galicia vai ofertar 489 prazas públicas autonómicas na rede de escolas infantís A Galiña Azul na bisbarra do Salnés para o vindeiro curso 2021/2022 tras a correspondente publicación da planificación de centros.
Ademais, a Consellería de Política Social acaba de abrir o período de solicitude de praza ata o 12 de abril e informa de que a mesma pode formalizarse por medios telemáticos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de dúbida, os usuarios poden recabar información nos propios centros infantís.
Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, realizou esta mañá unha visita á escola infantil do Edificio Administrativo de Pontevedra para explicar a planificación desta prestación en toda a provincia e confirmou que, para o vindeiro curso, manteranse as oito escolas infantís nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, das que a dúas corresponden ao Concello de Lalín.
A relación de centros e as súas prazas é a seguinte:
|
Escolas infantís nas bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes |
|||
|
Centro |
Prazas |
Centro |
Prazas |
|
Pontiñas | Lalín |
74 |
Lalín 2000 | Lalín |
74 |
|
A Estrada |
74 |
Silleda |
82 |
|
Vila de Cruces |
61 |
Forcarei |
20 |
|
Cerdedo | Cerdedo-Cotobade |
30 |
Tenorio | Cerdedo-Cotobade |
74 |
Deste xeito, na bisbarra haberá un total de 33 unidades -de 0 a 3 anos de idade- de atención infantil en funcionamento que comezarán a súa actividade o 6 de setembro de 2021 cun tempo máximo de ata once meses e oito horas diarias por cativo.
Ademais, a Consellería de Política Social mantén, por segundo curso consecutivo, a gratuidade total de matrícula e servizos nas escolas infantís de Galicia –incluíndo as municipais, de iniciativa social e privadas– dos segundos fillos e consecutivos tras a súa implantación hai un ano co obxectivo de facilitar a conciliación e axudar ás economías familiares.
“Temos unha gran rede de escolas infantís que, ademais de atender axeitadamente aos nosos cativos e contribuír a que comecen paseniñamente coa súa formación, amosáronse como un lugar seguro fronte á covid-19”, explicou o delegado territorial, que tamén puxo en valor a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos, “xa que se trata dunha medida pioneira e única en España que amosa o compromiso que temos coas familias, coa súa calidade de vida e co favorecemento da conciliación”. “Creo que é unha medida que apoia de xeito real e práctico ás familias e ademais é máis necesaria ca nunca polos adversos efectos socioeconómicos da pandemia”, indicou o delegado.
Deste xeito, Galicia afrontará o vindeiro curso 2021/2022 de atención infantil cun total de 173 escolas públicas de titularidade autonómica cunha oferta de 10.383 prazas, das que 1.132 pertencen a Pontevedra e a súa contorna, e complementa este servizo de conciliación, nos concellos menos poboados, con case 80 casas niño que roldarán o cento ao longo deste ano coa apertura prevista dunha vintena máis.







































