O PSOE local valora como “propaganda política” os carteis que
o Concello repartiu entre os hostaleiros locais. López Bueno considera que é
“un vacile aos hostaleiros”, xa que dende o goberno foron totalmente
incapaces de facer “nin unha soa proposta concreta” no ano que levamos de
pandemia para dinamizar o comercio e a hostalaría. O voceiro socialista
pídelle ao goberno do PP que se preocupe máis en facer propostas e aforre
os cartos da súa propia propaganda.
Ademais valora como “escasas pero necesarias” as axudas de 1.000 euros á
hostalaría que repartirá o concello ao abeiro do segundo plan de rescate da
Xunta. Celebra o “cambio de criterio” por parte do executivo local, que foi o
único da contorna que se negou en rotundo a prestarlle auxilio económico
ao tecido produtivo.
De feito, Bueno opina que esa axuda se podería complementar con máis
fondos municipais. Considera que se poderían dobrar os 1.000 euros do
Plan de Rescate pero entende que se precisaría unha liña de axudas
municipal disinta, e non ve ao PP disposto a traballar nese sentido.
López Bueno ve lóxico que o goberno “se intente sumar ao carro dos que
sempre defendemos que -dentro das capacidades do orzamento- existía a
necesidade de artellar un sistema municipal de axudas”. A pesar de que o
goberno cambiara de criterio, o PSOE advirte de que “non lles valerá de
nada repartir carteis porque os veciños e veciñas saben que o PP non fixo
ningún esforzo polo comercio nin a hostalaría da Estrada, nin na Vila nin nas
parroquias”.
En contraposición á pasividade do PP, os socialistas aseguran que as súas
propostas si foron aplicadas con éxito, como o Bono para consumo no
comercio local. “No PSOE da Estrada fomos os primeiros de Galicia en
propoñer un Bono para o consumo no comercio local. O goberno da Estrada
foi o primeiro en ter a proposta enriba da mesa, e non quixo nin discutila”,
recorda. Sentencia que “o PP da Estrada renunciou a facer unha aportación
económica para mover 500.000 euros na economía do Concello”. Ademais
apunta que “mentres en Vilagarcía ou o Barco de Valdeorras si que
recolleron o guante e levaron adiante a iniciativa cun éxito rotundo, na
Estrada os comerciantes tiveron que aguantar polo seu propio pé”.
López Bueno afirma que “a nosa proposta foi tan boa que ata a Xunta
adoptou un sistema moi similar ao que propuxemos dende o PSOE da
Estrada”, en referencia aos Bonos Activa Comercio. Sobre eles, o voceiro
socialista considera que “na Estrada xa hai 62 comercios adheridos, e
esperemos que se unan máis entre hoxe e mañá”.
Tamén fixo referencia á feira Outlet que se celebrou o ano pasado e que
volverá en 2021 como exemplo de éxito das propostas do Grupo Municipal
Socialista.







































