Luis López Bueno esixirá explicacións sobre a falta de
actividade expositiva da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada.
O líder socialista e patrono da Fundación considera que é “inadmisible” que
a Xunta teña paralizada a actividade na Estrada mentres “a maioría de
recintos feirais están en funcionamento”.
Considera que esta situación ten tres únicos culpables: López Campos, o
Presidente da Fundación e Conselleiro de Industria (Francisco Conde) e o
Director Xeral de Comercio (Manuel Heredia). Asegura que “o alcalde non se
preocupou de recuperar a actividade expositiva na Fundación, Francisco
Conde non acude a ningún padroado e sequera foi capaz de inaugurar unha
soa Feira do Moble de Galicia, e o Director Xeral nin sequera se achegou
aínda a coñecer as instalacións”.
Aconséllalle ao Alcalde a ao Director Xeral que empecen a concretar as súas
palabras con feitos, porque “aínda non teñen nada concreto sobre os seus
anuncios de reorientar a Fundación”. López Bueno recorda que nos últimos
anos se falou de innovación, de reorientar o modelo, do ámbito forestal…
pero que todo queda nas declaracións e “non hai ningunha proposta clara
sobre a mesa”.
López Bueno instará a que se retome a actividade expositiva porque “hai
demanda de eventos” e di que lle consta o interese do sector local do
automóbil. Parécelle “incrible” que se estean celebrando feiras do sector en
todos os puntos de Galicia menos na Estrada, cuestión que lle “complica a
asistencia aos nosos concesionarios e priva ás nosas empresas das vendas
que se pechan neses eventos”.
Ademais diso, López Bueno esixirá do Director Xeral de Comercio unha
explicación sobre as solucións que prometera traer ao Padroado. Lamenta
que non se tiveran novas dese compromiso dende hai meses, e considera
que a situación actual é insostible. “A Estrada non pode asumir unha
Fundación sen Plan Estratéxico nin Xerencia para executalo” sentencia, e
conclúe que “todo o esforzo que se faga non valerá de nada se non hai unha
persoa responsable de dinamizar o recinto feiral”.






































