O Balneario de Cuntis, acolle o venres 11 de xuño, ás 20.30 h, a presentación do libro “Teatro de Don Olimpio” publicado por Edicións Fervenza, e no que se recollen un total de once obras teatrais do finado profesor e escritor Olimpio Arca Caldas.
Dito acto, contará coa presenza de Susi Arca, mestra e filla de Olimpio Arca; Mario Touceda, bibliotecario do Concello de Cuntis; o xerente da promotora e construtora Bamarti, Fernando Martínez; e o alcalde do Concello de Cuntis, Manuel Campos. Ademais, contarase cunha actuación musical a cargo de Manoele de Felisa.
A obra
Teatro de Don Olimpio é un volume que se presenta en tapa dura e no que se recompila toda a produción teatral do finado Olimpio Arca Caldas. Un total de 11 obras teatrais, varias delas inéditas, que se erguen como auténtica referencia do teatro escolar. Creativas, educativas e integradoras, son de obrigada referencia para quen crea na verdadeira valía do Teatro Escolar como proposta educativa que axudará e non pouco a facer e orientar cidadanía. “Os Reis do Panchiño”, “E o equilibrio impúxose (Mimo)”, “Pelexa no souto”, “Hoxe naceu un neno”, “Soprar a tempo”, “O enfermo 4M”, “Conversas coa nobre dama”, “O indiano”, “Mágoas de campesiños e señoritos”, “Parasitos na escola” e “O aparecido das campaíñas” son o conxunto de obras recollidas en “Teatro de Don Olimpio”.
Cabe sinalar a colaboración prestada por distintos artistas plásticos que ilustraron ditas obras, algúns de renome como Xoán Cerviño, Ana Margarita Pérez Rodríguez, Manuel Fragoso, Paco Lareo, Inés Sánchez, Mario Touceda, Héitor Picallo ou Ramiro Cimadevila; e outros, moito menos coñecidos pero que representan a vocación de mestre do escritor, con pinturas realizadas por alumnos/as do CEIP “Xesús Golmar” de Lalín e alumnos/as do CEIP do Foxo.
Colaboracións
Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o Concello da Estrada, o Concello de Cuntis e a Promotora e Construtora Bamarti.
Seguridade covid
Polas circunstancias covid, o acto estará condicionado polas medidas necesarias para que se fagan respectar as distancias de seguridade, sendo obrigatorio o uso de máscara. Tamén disporemos de xel hidroalcohólico para tratar de protexer a saúde de todas as persoas asistentes. Por iso, prégase ao público que se achegue 30 minutos antes do comezo para evitar aglomeracións, pois a entrada é libre ata completar o aforo.
O autor
Olimpio Arca Caldas (Cuntis, 1928 e finado na Estrada o 25 de novembro de 2014) foi mestre e escritor. Estudou bacharelato por libre durante cinco anos e os dous últimos cursos realizounos en Santiago de Compostela. Rematou en 1944, para un ano despois acadar o título de Mestre Nacional e fundar en Cuntis a Academia Lumen para alumnos de bacharelato, maxisterio e comercio.
No ano 1951 ingresa como factor de intervención na Renfe e en 1957 pasará a ser correspondente do Banco de A Coruña en Cuntis. Será en 1960 cando se converta en Mestre do maxisterio público. Desempeñou con cargo provisional as escolas de Graduado da Estrada (1961) e da unitaria masculina de Matalobos (1962). Ao mesmo tempo impartía clases particulares na Academia San Pelayo da Estrada. Por concurso de traslados foi destinado en 1963 á escola masculina de Torea (Muros), e ao ano seguinte pasou á de Pexegueiro (Tui).
Durante o curso 1967-68 diplómase en Ciencias para impartir 7º e 8º curso de EXB. Ao mesmo tempo realiza un curso de asistencia psiquiátrica a nenos con discapacidade mental. En 1968 pasou a dar clase na escola masculina de Couso, que pasou a ser mixta. Neste centro comezou a escribir obras de teatro para a súa representación polo propio alumnado.
En 1970, ao se establecer o ensino obrigatorio ata os 14 anos, creouse a Agrupación Escolar de Couso, onde foi o promotor da construción dunha aula para o alumnado da segunda etapa. En 1978 inaugurouse o CP Villar Paramá, en San Xurxo de Vea, a onde pasou o alumnado da Agrupación Escolar de Couso. Por concurso de traslados, no curso 1981-82 pasou a ocupar a praza de mestre no CP de Figueiroa de Arriba (A Estrada), no que exerceu varios cursos como director ata a súa xubilación en 1993.
A súa traxectoria literaria compóñena obras de ensaio, teatro, narrativa e infantil-xuvenil, recibindo numerosos galardóns e recoñecementos á súa valía nas letras. Entre eles destacan o Premio Mantenga limpia España (1970); o certame do Día del Maestro (1971); o premio Embellecimiento de Pueblos (1971, 1974 e 1976); o premio de teatro escolar organizado por Xuventude (1973, 1974 e 1976); o premio a traballo etnográficos con alumnos do Museo de Pontevedra (1974, 1975, 1977, 1980 e 1992); o primeiro premio Xunta de Galicia con Castros da Estrada (1984); o primeiro premio Comunidade Autónoma de Galicia en Educación y Ciencia “Naturaleza y Escuela” (1991); o primeiro Premio RTVG Boa Saúde (1991); o premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela (1996) no Concello da Estrada e o premio San Martiño de normalización lingüística (2010).
Cabe sinalar o seu nomeamento como Mestre Representativo de Pontevedra por Familia e Gabinete Anaya, en 1975; a concesión da Cruz de Afonso X O Sabio, en 1977; e o seu nomeamento como «Mestre exemplar» polo Museo de Pontevedra en 1993.
Dende o ano 2017, o Concello de Cuntis convoca o Premio de Investigación en Humanidades e Ciencias Sociais Olimpio Arca, en homenaxe ao seu labor como mestre e escritor.






































