A XUNTA RENOVA AS CAMPAÑAS DE PROMOCIÓN DO CONSUMO DE PRODUTOS DO MAR QUE CHEGARON A MÁIS DE 150.000 ESCOLARES GALEGOS

A conselleira do Mar, Rosa Quintana,
destacou hoxe a importancia de desenvolver iniciativas para impulsar o consumo de
peixes e mariscos entre os máis novos. Nesta liña explicou que a Xunta continúa
inculcando entre os escolares os beneficios que os produtos do mar teñen para a dieta e
este curso vén de adaptar e variar as campañas de promoción que desde o ano 2010
chegaron a máis de 150.000 escolares galegos e que están incluídas no programa
Aliméntate ben, da Administración autonómica.
Así o expuxo hoxe no CEIP do Foxo da Estrada onde, xunto coa directora xeral de Pesca,
Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, acompañou ao alumnado de
6º de primaria no obradoiro de Ti si que es un bo peixe. Esta é unha das iniciativas que
renovou a Consellería do Mar, que está destinada ao público infantil de entre 3 e 14 anos e
que substitúe a O sabor da aventura está no mar.
Con esta nova campaña, expuxo Rosa Quintana, a Administración galega segue
difundindo dun xeito ameno entre as nenas e nenos coñecementos sobre as distintas
especies de peixes e mariscos e as súas propiedades nutricionais. Este curso, o paso da
primeira edición desta iniciativa polos colexios remata no CEIP do Foxo, pero tamén estará
presente en campamentos de verán da Xunta e en actividades culturais nas que poidan
participar as nenas e nenos aos que está dirixida.
Para transmitir estes valores entre os escolares, a campaña utiliza unha linguaxe próxima
ao público ao que vai dirixida e a música como código de comunicación, pois unha das
pezas desta iniciativa é unha canción cunha letra e un ritmo fáciles de memorizar.

Outro dos elementos protagonistas de Ti si que es un bo peixe é o material didáctico como
as siluetas de peixe que serven para que as rapazas e rapaces aprendan a coñecer e
diferenciar as distintas especies de peixes e mariscos. Ademais nela tamén está presente
a realidade virtual, pois outra das accións que abarca é o visionado con gafas adaptadas
dun vídeo relacionado co motivo da campaña.
A outra iniciativa renovada que estreou este curso a Consellería do Mar é Fai click ao teu
bocata, que releva a Ponlle as pilas ao teu bocata. Con ela o Executivo galego continúa
promovendo o consumo de conservas de produtos do mar entre o público infantil e a
ensinarlle a empregar as conservas como base en receitas sinxelas.
‘Ti si que es un bo peixe’
O obradoiro de ‘Ti si que es un bo peixe’ realizado hoxe no CEIP do Foxo inclúe un vídeo
en realidade virtual sobre a temática da campaña e actividades relacionadas co
recoñecemento de distintas especies do marisqueo e coa medición dos seus talles
mínimos para que aprendan como se realiza e cales son os tamaños mínimos das
diferentes especies e a importancia de respectalos.
Outra actividade que abarca o obradoiro está relacionada co hábitat, a extracción e a
comercialización das especies de peixe. Nela os monitores da iniciativa presentan e
explican diferentes artes de pesca e as especies que capturan e ensinan como se mide un
peixe e os talles mínimos de distintas especies. Tamén amosan como recoñecer a frescura
dun peixe e como indentificalo, entre outros aspectos.
Antes de rematar a xornada, entrégaselle a cada escolar unha bolsa con preparacións
realizadas a base de peixe e os monitores realizan unha pequena explicación sobre as
súas propiedades nutricionais.
Todas estas actividades teñen como obxectivo familiarizar ao público infantil cos produtos
do mar e co mundo da pesca e do marisqueo e conciencialo sobre a importancia de coidar
os recursos mariños, entre outros aspectos.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta