«A estación de autobuses languidece desde hai anos, sen que concello ou a Xunta miren por poñela en funcionamento ou darlle outro uso a ese espazo»
«O noso concello é un cemiterio de edificios públicos abandonados», afirma a concelleira do BNG, Susana Camba. «Centro Ictioxénico entre Cora e Couso, o Matadoiro, o Museo e non nos podemos esquecer da estación de autobuses, que languidece desde hai anos, sen que concello ou a Xunta miren por poñela en funcionamento ou darlle outro uso a ese espazo», engade.
«No PP deben pensar que eses edificios saíron de balde, mais a realidade é que a Estación de Autobuses tivo un custe para o erario público de 130 millóns de pesetas de 1994, a día de hoxe facer un edificio desas características superaría o millón de euros», explica a concelleira do BNG.
«A estación estivo en réxime de concesión até marzo de 2005, iniciándose nese mesmo período unha nova licitación, que entendemos quedou baleira», afirma a concelleira nacionalista, «xa que esta é a última referencia que hai no DOG sobre o citado edificio».
Susana Camba indica que «a estación non ten funcionamento como tal desde hai anos, e hoxe o seu interior é un espazo onde se amorea todo tipo de refugallo; desde o BNG pensamos que xa é hora de que Xunta e Concello fagan algo para rehabilitar ese espazo».
Susana Camba insta «ao goberno municipal a moverse e actuar; o noso concello estase a converter nun cemiterio de edificios públicos, mais tamén privados, abandonados, e iso, por moito cemento que queira poñer o alcalde na Alameda, non é unha boa imaxe para A Estrada, aparte de que é tirar cos cartos de todas e todos».
Estación de autobuses, centro ictioxénico e matadoiro: A Estrada é un cemiterio de edificios públicos abandonados
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.






































