Alfonso Rueda destaca a singularidade da tradicional Festa da Rapa das Bestas de Sabucedo como reclamo para atraer visitantes

A Rapa das Bestas é unha das 12 Festas de Interese Turístico Internacional de Galicia, o maior recoñecemento que converteu esta celebración nunha cita ineludible no calendario festivo de Galicia ao reunir cada verán a veciños e turistas

Alfonso Rueda destacou que modelo de turismo seguro e de calidade que ofrece Galicia permitiu manter bos resultados de afluencia turística en xullo cun 80% máis de viaxeiros que en 2020 e 20 puntos por riba da media nacional respecto a 2019

Invitou a descubrir a comunidade camiñando a Galicia neste Xacobeo 21-22 a través de rutas como o Camiño de Inverno ou a Vía da Prata que atravesan a comarca do Deza e avanzou a previsión de rematar o ano por riba dos 140.000 peregrinos

 

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, á presentación da Rapa das Bestas de Sabucedo, un referente cultural en Galicia que une tradición co turismo e que reúne cada ano nesta parroquia da Estrada a veciños e turistas. No acto destacou a singularidade da festividade e a súa capacidade como reclamo turístico para atraer visitantes ao converterse nunha cita ineludible no calendario festivo do verán en Galicia.

Alfonso Rueda engadiu que estas celebracións contribúen a contar cunha oferta turística diferenciada, unha das fortalezas de Galicia como destino, xunto coa aposta por un turismo seguro e de calidade que está a permitir manter bos resultados de afluencia turística. De feito, sinalou que a mensaxe de Galicia como destino seguro e o traballo do sector permitiu pechar o mes de xullo cun 80% máis de viaxeiros que o ano pasado e resistir 20 puntos mellor que a media nacional respecto a 2019.

Ademais, confía en rematar o ano por riba dos 140.000 peregrinos, tendo en conta que día selan a Compostela unha media de 1.400 e se prevé chegar a finais de agosto aos 100.000, aos que hai que engadir outros moitos que fan o Camiño sen obter a credencial.

Por iso, o vicepresidente primeiro da Xunta animou a turistas e peregrinos e desfrutar da comunidade e as súas festas e tamén a camiñar a Galicia, ao destacar que facer o Camiño é unha oportunidade para descubrir a comunidade en contacto coa natureza como están a demandar os visitantes e de forma segura. Así, lembrou que dúas das rutas -o Camiño de Inverno e a Vía da Prata- conflúen na comarca do Deza e pasan por algúns dos seus principais recursos turísticos.

A Rapa das Bestas de Sabucedo volverá a celebrarse este ano despois do parón de 2020 debido á covid-19 e levarase a cabo con tódalas medidas de prevención para garantir unha celebración segura. Ata o domingo realizaranse varios curros onde os coñecidos como aloitadores cortaranlle as crinas e marcarán aos cabalos recollidos do monte para despois devolvelos ao mesmo lugar.

A celebración conta desde 2007 coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, a máxima distinción que ostentan 12 celebracións, ás que se suman outras 12 de Interese Turístico Nacional e 128 de Interese Turístico de Galicia. En total, máis de 150 festas en Galicia con algúns destes recoñecementos.

Alfonso Rueda sinalou o apoio da Xunta polas celebracións que como a Rapa das Bestas de Sabucedo contribúen a conservar as tradicións e os seus valores. O Goberno galego aporta este ano 40.000 euros para apoiar esta celebración organizada pola Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta