Durante o século pasado, a figura do arrieiro converteuse en peza chave
para o comercio de viño e sal entre as vilas galegas. Maiormente
procedentes de Ribadavia, cruzaban o interior para chegar ata Santiago,
deténdose en cada localidade para comercializar e intercambiar os seus
produtos. Unha destas paradas era na Estrada, onde confluían cos moitos
peregrinos que facían a ruta xacobea desde Braga (Portugal) a través da
Geira Romana, ata converxer na principal ruta dos Arrieiros que
transportaban o viño do Ribeiro até Santiago.
Pero máis alá dese labor comercial, supuxeron un vehículo de transmisión popular, configurando un
universo musical propio, e definindo un estilo que recibiu a denominación de ‘cantares de arrieiros’.
Pezas que narraban experiencias recollidas durante o camiño, propias do seu estilo de vida e do
acervo cultural que compartían nos lugares de acollida.
Esta foi a inspiración para trazar a liña definitoria do noso festival: a itinerancia como vía natural de
expansión cultural, representada por algúns dos artistas galegos que máis impacto teñen no exterior.
Grupos que empregan, ademais, en gran parte, a nosa lingua como vehículo de expresión, e que
enaltecen o propio a través da súa expresión artística.
Arrieiros e arrieiras que veñen de percorrer mundo e espallar o noso expoñente escénico nos máis
altos niveis. A renovación da comunicación cultural na voz de propostas escénicas de grande
relevancia no panorama musical actual.
Formularemos unha posta en escena coidada, para público sentado, cunha cabida aproximada de
550 persoas e servizo de bebida. O son dos arrieiros é o primeiro festival de mediano formato do
ano cunha participación artística e técnica 100% galega.
O ESPAZO E A TEMPORIZACIÓN
O festival terá lugar na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada os días 29 e 30 de
outubro. Paralelamente, e sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, fixarase unha xeira
de concertos e eventos culturais nas rúas da vila onde agrupacións musicais estradenses terán un
especial protagonismo.
FINALIDADE
Fomentar a ruta da Geira romana e dos arrieiros ao seu paso pola Estrada, converténdoo nun foco
dinamizador do tecido comercial estradense e no epicentro cultural dunha fonte de transmisión de
arte e tradicións asociada a todo tipo de bens e iniciativas socioculturais, que inciden en subliñar a
nosa identidade ao tempo que nos sitúa nun marco integrador común de alcance histórico, artístico e
cultural.
Por outra banda, o festival servirá para darlle un impulso á hostalaría e restauración local a través da
dimensión cultural, económica e turística que conleva.
AS ENTRADAS
O venres 24 de setembro activarase a venda de 100 abonos de fidelidade ao prezo de 30 euros +
gastos a través de ataquilla.com.
A partir do día 1 de outubro, desvelarase o reparto de bandas por día e sairán á venda as localidades
a un prezo de 22 euros + gastos a través da mesma canle.
OS PROMOTORES
O festival, coorganizado pola produtora Dotbeat! e o Concello da Estrada, está promovido pola
Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), dentro do marco de actividades desenvolvidas no
Xacobeo 2021-2022. Neste senso, o evento cumprirá coas medidas de seguridade e prevención
ditadas polas autoridades autonómicas, seguindo a lexislación vixente actual.
O PROGRAMA
Cunha proposta fundamentada no rock, andivemos na procura dunha programación que tivese en
conta a perspectiva de xénero, e que abranguese, dentro do estilo, ás e aos máis grandes expoñentes
da categoría na nosa comunidade.
BALA
Bala é unha banda de stoner/rock composta por Anxela
Baltar (guitarra e voz) e Violeta Mosquera (batería e voz).
Veñen de sacar o seu terceiro largo, ‘Maleza’ avaladas
polo máis prestixioso selo de rock do mundo, Century
Records, co que están acadando as cotas máis altas do
mercado e acaparando as mellores críticas dos medios
especializados que as sinalan como unha das bandas
máis destacables deste 2021.
NOVEDADES CARMINHA
Tras arrasar nos premios MIN do 2020, onde se alzaron,
entre outros, co premio ao mellor directo, Novedades
Carminha vén de consolidarse como a proposta galega
máis competitiva a nivel estatal, situándose como
cabezas de cartel en moitos dos festivais máis
prestixiosos da península. Despois de moitos anos de
duro traballo, conseguiron que as súas cancións, nadas
na escena underground, chegaran a un público que cada
vez é máis masivo.
TERBUTALINA
Esta banda de Esteiro (Muros) vén de pasear o seu
rock’n’roll por festivais como o Son Do Camiño, Fuzzville,
Rock Platja D’aro, Actual de Logroño…lugares nos que
compartiron cartel con nomes de artistas e grupos como
Zahara, Carolina Durante ou Manu Chao.
Os máximos expoñentes do garage en galego, teñen un
longo percorrido por todo o estado, facendo valer unha
proposta compacta e polivalente integramente
desenvolvida en galego.
AGORAPHOBIA
Con varias xiras internacionais no seu haber e seguindo
un imparable avance, Agoraphobia entrega un directo
que golpea sen atenuantes e continúan presentando
‘Unaligned’, un rotundo disco de rock contemporáneo no
que abranguen distintas tendencias para configurar o seu
propio estilo, mentres preparan o que será o seu terceiro
largo, que verá a luz no 2022.
HEREDEIROS DA CRUS
A piques de cumprir os 30 anos enriba dos escenarios, a
nosa banda máis representativa, vén de interromper
subitamente, unha xira que prometía conquistar
escenarios de todo o mundo: Xenebra, Londres, París,
Madrid e Barcelona, foron os últimos concertos
prepandémicos, cheos absolutos, que retomarán en
canto a situación sanitaria o permita. Os máis jrandes,
presentan o único concerto en formato eléctrico que
ofrecerán este ano en Galicia.
SEÑORA DJ
Señora DJ nace no 2016 co Festivala.
Música feita, cantada e tocada por mulleres. Na súa música soa
un estilo ecléctico, aínda que cunha evidente inclinación polo
indie-rock.







































