Esta tarde o Teatro Principal da Estrada recibirá a tres dos grandes
referentes da poesía contemporánea galega nun show-recital titulado Algo que levar á boca,
escenificado polo grupo Rompente.
Baixo o nome Grupo de Comunicación Poética Rompente, agóchase un colectivo de autores
de espírito contestatario e politicamente incorrecto que, comandado por Alberto Avendaño,
Manolo Romón e Antón Reixa, apostou por levar a poesía rúa a partir de finais dos 70,
nunha proposta de vangarda que revolucionou o xénero e entroncou coa movida urbana do
país, iniciando a moitos mozos e mozas na lectura da poesía en galego.
Baixo o selo da agrupación publicáronse os libros Seraogna de Alfonso Pexegueiro e o
emblemático Con Pólvora e Magnolia de Xosé Luis Méndez Ferrín. Pero a actividade
editorial propiamente impulsada por Rompente comeza con Silabario da Turbina, expresión
primeira da estreita colaboración cos pintores Menchu Lamas e Antón Patiño
Posteriormente, coa serie Tres Tristes Tigres (1979/80) publicáronse tres libros de autor
Facer Pulgarcitos Tres, de Avendaño, Galletas kokoshka, non, de Romón e As ladillas do
travesti de Reixa. En 1979, a propósito da dedicatoria do Día Das Letras Galegas a Manoel
Antonio, Rompente edita un explosivo fanzine Fóra as vosas sucias mans de Manoel
Antonio na liña contestataria das anteriores publicacións clandestinas Follas de Resistencia
Poética e Crebar as Liras.
Tras anos de silencio, en outono de 2109, o grupo reaparece no Festival Kerouac de Vigo
con Rompente, a pesar de todo, e recentemente regresaron á escena literaria cun libro
titulado Que hostia din os rumorosos?, que contén poemas dos tres autores. Actualmente
están de xira por oito cidades galegas con este espectáculo que aúna poesía, música e
audiovisual.
Trátase dun evento gratuíto, con retirada previa de invitación no departamento de Cultura ou
no portelo do Teatro Principal media hora antes da actuación.






































