Esta mañá na rolda de prensa a concelleira Amalia Goldar presenta en sociedade un
vídeo clip. Pero non é un vídeo clip calquera, senón a canción do nadal na
nosa vila. Unha canción composta polo grupo estradense PLAN SIBERIA co
que o Concello quere felicitarlle o nadal a toda a veciñanza.
Titulada O MEU AGASALLO ES TI, a canción é un rock and roll, cunha
mensaxe ben optimista nestes tempos de incertidume. É un tema que
reivindica o feito de desfrutar do nadal ao lado dos nosos, con familia e
amigos, sen ter que meternos necesariamente nesa voráxine consumista que
rodea estas festas. Por outra banda, trata de lanzar unha mensaxe de
esperanza nestes tempos onde a crise sanitaria está a golpear tan duro á
nosa sociedade.
Esta canción será a banda sonora de todas as actividades programadas polo
Concello durante o nadal e poderá escoitarse en todas as terminais
mediáticas e redes sociais do Concello. A inauguración será hoxe ás 21.00 h
na canle de youtube do Concello da Estrada.
Sabemos que non é máis ca un pequeno agasallo simbólico, pero creo que
hoxe, máis ca nunca os responsables públicos debemos lanzar unha
mensaxe de esperanza aos nosos veciños e veciñas. E se é través dun
artista estradense e dunha mensaxe tan motivadora, mellor aínda.
Dicir, por outra banda, que xa están a disposición do público, as entradas do
festival infantil de nadal Colorín Colorado que empezará o vindeiro luns ás
12.30 h coa adaptación ao teatro da obra da Vendedora de fósforos, feita por
Caramuxo Teatro.
Como medida de seguridade, o Teatro rebaixará as butacas dispoñibles ao
40% da súa capacidade. As entradas poderán recollerse no departamento de
Cultura ou no propio portelo do Teatro. A programación está subida en todas
as plataformas do Concello.
Nada máis. Remato xa, felicitando a Gabriel Blanco e a Plan Siberia por esta
canción. Motivos laborais impediron que puidesen achegarse a presentala a
esta rolda de prensa. Agardemos que teñamos oportunidade, no vindeiro, de
escoitarlla tocar en directo nalgún concerto na vila.
Agradecerlles tamén ao profesorado e alumnado do CEIP Pérez Viondi a súa
colaboración no vídeo clip e tamén ao realizador estradense Lucas Terceiro a
realización do vídeo. A Estrada é un centro aglutinador de talento e
compromiso cidadá.
Boas festas a todos e feliz ano 2022.
O MEU AGASALLO ES TI
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































