O PSOE da Estrada ve como “unha nova positiva” a
aparición do escrito de compra dos terreos nos que se edificou o vello
centro de saúde da Estrada. O líder socialista, Luis López Bueno, lamentou
que López Campos “acabe de recoñecer que ata hai uns días nin sequera se
interesara polo asunto” e remarca que “o Grupo Municipal Socialista
levamos dous poñendo enriba da mesa este problema mentres o PP deixou
que o edificio se deteriorase sen mover un só folio”.
O líder socialista agradeceu a preocupación da traballadora municipal que
buscou o acordo do pleno, porque “está claro que se fora polo alcalde,
nunca aparecería” e afeoulle a López Campos a cantidade de mentiras que
leva manifestado sobre esta cuestión “só por non informarse”.
O socialista referiuse en especial ás declaracións do rexedor onde afirmaba
que habería que pagar prezo de mercado polo edificio, ou que o Ministerio
non acepta cesións, extremos que foron desmentidos “categoricamente” por
fontes da propia Tesouraría Xeral da Seguridade Social consultadas polo
propio López Bueno.
Ademais considera que “aínda hai varias cuestións que aclarar” antes de
pedir con garantías a reversión do inmoble ao Concello. A principal é
comprobar eventuais acordos posteriores entre Ministerio e Concello a
propósito do terreo, porque existe a posibilidade de que “nun momento
posterior se entregara a propiedade á Administración do Estado”. Cabe
recordar que o edificio se construíu no ano 1990, polo que hai un lapso de
tempo moi importante entre a compra do terreo e o inicio das obras.
Ve “precipitado” iniciar trámites sen “ter garantías sobre a titularidade do
terreo”. Nese sentido manifestou que a parcela está inventariada pola Xunta
como inmoble adscrito como terreo sanitario, pero no inventario do Estado
unicamente se recolle o edificio construído, polo que hai que aclarar a quen
lle pertence a titularidade.
O socialista asegura que apoiarán a reversión “en caso de confirmarse que
os terreos lle pertencen ao Concello” e indicou que estarán aos informes
técnicos sobre a conveniencia ou non de rehabilitar as instalacións. Nese
sentido, o líder socialista afeoulle ao alcalde o seu “nulo interese” por esta
cuestión, xa que “o PP é o único que tiña a capacidade para iniciar a
investigación sobre o terreo” e culpou ao goberno do “grave deterioro” das
instalacións nos últimos meses.
Ademais, o líder socialista considera que a única proposta razoable sobre o
uso do inmoble é dedicalo a centralizar os servizos sociais do Concello, que
agora se prestan en instalacións cedidas en precario ou pouco axeitadas
para prestar determinados servizos.
López Bueno cre que esa é unha aposta decidida polos servizos públicos “de
calidade” e que orientarían ó Concello a “ampliar a carteira de servizos
sociais, as prazas ofertadas e a mellorar a calidade asistencial”.







































