PRESENTACIÓN DA PROGRAMACIÓN CULTURAL 75 ANIVERSARIO TEATRO PRINCIPAL

O día da presentación cultural sempre é un día especial para nós. Máxime, nun ano coma este, no que o noso querido Teatro Principal cumpre o seu 75 aniversario. Inaugurado un 29 de xuño de 1947, este Teatro  foi, tanto na súa función coma sala cinematográfica, coma na función de recinto escénico; o epicentro da vida cultural da Estrada. E é a nosa intención que siga a ser ese lugar onde a nosa veciñanza soñe, se emocione e goce dos mellores eventos culturais de dentro e fóra de Galicia. Este ano con maior motivo matiza o concelleiro de cultura Juán Constenla.

 

Deste xeito, toda a programación cultural do ano 2022 presentarase baixo o epígrafe 75 ANIVERSARIO TEATRO PRINCIPAL para render homenaxe a esta casa pola que teñen pasado tantas xeracións de estradenses e figuras coma Estrellita Castro, Lolita Sevilla, Antonio Machín, Andrés Pajares e un longo etcétera. Podedes ver ás miñas costas a imaxe gráfica deste aniversario, deseñada pola ilustradora estradense ROSA DE CABANAS, unha imaxe que tenta apertar o pasado e o presente deste espazo tan importante para a nosa vila.

 

Para celebrar esta homenaxe ao Teatro Principal quixemos salientar un pouco máis o carácter cultural da nosa programación, intentando que o público poida tamén converterse en protagonista activo da programación. É unha relación de eventos tamén diversa en canto a formatos, estilos e públicos. A idea é que todo o mundo atope nela algo de interese. Eventos top á altura dunha efemérede tan importante coma esta.

 

Neste senso, incorporamos un novo ciclo á nosa programación á que demos en chamar PARLADOIROS. Nel, persoeiros relevantes da cultura e da sociedade galega charlarán co público nun ton informal e divertido a través dun formato entrevista salferido con  continuas sorpresas para os convidados.

Este ciclo iniciarase este vindeiro 18 de marzo coa presenza do artista e presentador ROBERTO VILAR. A continuación serán os politólogos ANTÓN LOSADA e MIGUEL ANXO BASTOS (estes dous veñen xuntos) e GUADI GALEGO e XOSÉ TOURIÑÁN os que pechen este ciclo. Despois pasarémosvos un dossier coas datas todas. Serán eventos de entrada gratuíta. A entrada para o primeiro deles, o de Roberto Vilar poderá retirarse a partir do vindeiro luns día 7.

 

En relación a estes parladoiros, contamos tamén cunha sección dedicada a autoras e autores literarios. De aquí ao verán, pasarán polo Teatro Principal a poeta premio Nacional ALBA CID, o poeta tamén premio nacional de literatura infantil ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO, o novelista FRANCISCO CASTRO e a novelista ARANTZA PORTABALES. Unha nómina de auténtico luxo. A idea é que sexan charlas literarias onde o público poida dialogar tamén cos propios convidados.

 

Á marxe deste ciclo de encontros con persoeiros relevantes, contamos cunha programa teatral de gran nivel. Como nota máis salientable, dicir que con motivo do 75 aniversario do TEATRO, a compañía máis importante de Galicia: O CENTRO DRAMÁTICO GALEGO estará no Teatro Principal na primeira fin de semana de xuño coa peza Ás oito da tarde cando morren as nais.

É unha deferencia e unha homenaxe que esta institución pública lle quere facer ao Teatro da nosa vila con motivo do seu aniversario.

 

No apartado monólogos temos pechada xa a presenza este vindeiro sábado de Miguel Ángel Rodríguez EL SEVILLA, o  actor, escritor e cantante de Mojinos Escocíos, evento para o que aínda quedan algunhas entradas.

 

Unha semana máis tarde visitará este teatro o cómico RAFA MAZA, o actor oscense que está a triunfar na sala Alfil de Madrid co seu personaxe de Fabiolo. Ante o éxito que tivo o ano pasado na nosa vila e o feito de que só puideron velo 50 persoas por mor da crise sanitaria, volvemos a traer este espectáculo, que garante gargalladas cada 10 segundos. Un dos mellores espectáculos cómicos do ano en España.

 

No apartado do teatro infantil, estrearemos o ciclo Colorín Colorado este próximo sábado cun espectáculo multipremiado de XAMPATITO PATO, que se titula Só. Tamén un concerto da Banda das Apertas de MAGÍN BLANCO e o espectáculo Aibo da compañía Eléctrica. Como gran evento familiar, contaremos co musical da BELLA Y LA BESTIA da compañía valenciana Eventime, un musical de gran formato avalado por un grande éxito de crítica e público.

 

En canto ao apartado teatral para adultos, a carteleira conta con espectáculos de auténtico luxo. O mes de marzo aterrará no Teatro unha das mellores compañías europeas, a compañía Atalaya de Sevila cunha adaptación da CELESTINA.

O venres día 1 de abril, os moitos devotos da compañía YLLANA na Estrada, poderán asistir ao espectáculo Primitals, un especctáculo que xunta música coral e humor a esgalla.

 

O venres 22 de abril será a compañía ourensá Sarabela Teatro a que poña en escena a obra de Manolo Rivas A LINGUA DAS BOLBORETAS, unha das obras máis premiadas en Galicia.

 

Tamén contaremos co gran éxito do teatro galego deste último ano, a superprodución de Chévere NEVERMORE. E pechará o mes de maio outro dos grandes éxitos do teatro galego destes últimos anos, a obra OS NENOS DA VARÍOLA da compañía Pérez e Fernández.

 

O apartado local tamén terá presenza na programación coa presentación da banda Lucía Azurmendi Grupo, o festival de Acordeóns organizado polos Lóstregos, e as actuacións da Banda Municipal e da Coral Polifónica.

 

Quería tamén comentarvos que o departamento de Cultura incluirán na programación tres exposicións para os próximos meses cun marcado acento local. Este venres inaugurarase a da ilustradora Rosa de Cabanas, titulada Mulleres Valentes e que será presentada este mércores nunha rolda de prensa. No mes de abril e da man da Editorial Galaxia presentaremos outra centrada na vida e obra de Manuel García Barros que percorrerá os colexios e IES estradenses nos próximos meses e en maio será o pintor Manuel Fragoso o que inaugure a súa nova colección de cadros titulada Soños rotos.

 

Estas e máis cousas que tedes debulladas no dossier que vos adxuntamos serán as que artellen unha primavera chea de talento, diversión e entretemento. Todos os que queiran ver máis polo miúdo toda a programación poderán vela na web do Concello ou na nosa APP de Cultura a partir de xa.

 

A partir  do vindeiro luns, poderanse comezar a recoller xa as entradas para os distintos eventos, entradas que este ano irán tematizadas co cartel e o logo deste 75 aniversario do Teatro Principal que terá a súa propia celebración pasadas as festas do San Paio. Eventos que presentaremos xa entrado o mes de xuño.

 

Lembrar que tanto a AGADIC como a Deputación de Pontevedra e a Secretaría Xeral de Política Lingüística colaboran na posta en marcha dunha programación que agardemos, estea a altura da celebración e das demandas da nosa veciñanza.

 

Así que animo desde aquí a todos os veciños a participar dela, orgullosos dun Teatro que seguirá a ser ese lugar de encontro coa cultura, ese fogar das musas onde os soños de público e artistas se fagan realidade.

 

 

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta