Susana Camba: «Esta non é a única actuación, a renovación da flota, con camións cun só operario, o condutor, no canto de tres con era antes, vai nesa liña de reducir custes á empresa adxudicataria con cargo ao erario público»
«O goberno de López prepara o camiño da privatización da recollida do lixo actuando sobre aqueles elementos que podería ser máis gravoso para a empresa adxudicataria. Esa é a intención de fondo que se agocha detrás da retirada dos contedores subterráneos do lixo», afirma a concelleira do BNG, Susana Camba.
«Esta non é a única actuación», explica, «a renovación da flota, con camións cun só operario, o condutor, no canto de tres con era antes, vai nesa liña de reducir custes á empresa adxudicataria con cargo ao erario público».
Para o BNG os problemas técnicos dos contedores do lixo subterráneos «poden arranxarse con mantemento dos dispositivos, persoal e melloras na recollida do lixo», indica a concelleira nacionalista, «mais López prefire destruír, é o que ven demostrando nas últimas actuacións na Alameda, na Rúa Calvo Sotelo, a fin de contas pagamos todos e todas».
En contra da privatización
«Desde o BNG da Estrada reiteramos a nosa oposición total á privatización da recollida do lixo no noso concello, anunciada onte polo alcalde para este ano 2022», afirma concelleira do BNG, Susana Camba. «Cremos que a medio prazo vai supoñer un prexuízo para os veciños e veciñas da Estrada en forma de peor servizo e incremento do recibo, por moito que o alcalde diga agora mesmo que iso non vai acontecer», explica, «hai exemplos abondo noutras vilas e cidades que apuntan esa dirección».







































