O alcalde da Estrada, José López, asinou esta mañá un
convenio cos máximos responsables das federacións galegas de bádminton, baloncesto,
balonmán, fútbol, rugbi e voleibol para reforzar a colaboración na promoción do deporte
base e para acoller a celebración de máis probas competitivas.
Segundo os convenios bilaterais asinados durante un acto celebrado no salón de plenos
do consistorio, o Concello da Estrada cederalles a cada federación de xeito gratuíto as
instalacións necesarias para os eventos e actividades que organicen neste municipio
dentro dos programas de tecnificación de xogadores/as, árbitros, oficiais de mesa e
persoal federativo.
Pola súa parte, as federacións asinantes comprométense a organizar na Estrada de xeito
anual, como mínimo, unha fase final autonómica de calquera categoría federada ou un
encontro promocional do seu deporte. Ademais, as federacións colaborarán nos eventos
de promoción deportiva organizados pola Concellaría de Deportes e orientados aos clubs
locais ou ás Escolas Deportivas Municipais, ás que tamén lle aportarán material común.
No transcurso do acto, os presentes revelaron que grazas a estes convenios A Estrada
acollerá nos vindeiros tres meses polo menos catro citas deportivas: a concentración da
selección española feminina sub 16 de voleibol, do 11 ao 15 de abril; a concentración das
seleccións galegas de voleibol, os días 28 e 29 de maio e os días 25 e 26 de xuño; as finais
autonómicas de minibasket, os días 4 e 5 de xuño; e a concentración autonómica de
minirugbi, o día 11 de xuño.
Xunto ao rexedor local participaron na sinatura dos convenios o presidente da Federación
Galega de Fútbol, Rafael Louzán; o presidente da Federación Galega de Bádminton,
Rodrigo Sanjurjo; a secretaria xeral da Federación Galega de Baloncesto, Susana
Fernández; o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López; o presidente
da Federación Galega de Rugbi, Ignacio Cociña; e o secretario xeral da Federación Galega
de Voleibol, José Ramón Baña.
Na súa intervención, o alcalde destacou a importancia destes acordos para “consolidar A
Estrada como capital do deporte base de Galicia” e fixo fincapé no compromiso do
goberno local coa comunidade deportiva a través de actuacións importantes que se van
levar a cabo como a construción da pista de atletismo.
A Estrada reforza a colaboración con seis federacións
para impulsar o deporte e acoller máis competicións
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































