Louzao aclara que á solicitude para o musical
“El Libro de la Selva” faltáballe documentación

o O concelleiro de Urbanismo lamenta que o voceiro socialista critique “sen
informarse previamente ou, o que sería máis grave, que reclame autorizacións
para eventos que non cumpren a normativa”
o “Durante a pandemia demostramos que fomos un exemplo organizando
actividades e o que non imos facer é programalas mal”, remarca

O concelleiro de Urbanismo, Gonzalo Louzao, aclarou hoxe
que a denegación de autorización para a celebración do musical “El Libro de la Selva” no
recinto da Fundación de Exposicións e Congresos debeuse a que os solicitantes non
chegaron a presentar toda a documentación requerida e que era preceptiva para poder
autorizar dita actividade cultural.
Gonzalo Louzao lamenta que o voceiro socialista critique dita denegación “só para atizar
ao goberno local e sen informarse previamente ou, o que sería máis grave, que reclame
autorizacións para eventos que non cumpren a normativa”.
O edil de Urbanismo explicou que a compañía “El Circo de los Niños”, responsable do
espectáculo “El libro de la Selva. El Musical”, unicamente se dirixira ao Concello o pasado
26 de xaneiro para solicitar a cesión do Pavillón Polideportivo Manuel Coto Ferreiro ou o
Teatro Principal. Como ambos espazos estaban reservados para esa data, a compañía
contactou coa Fundación de Exposicións e Congresos, que non depende do Concello da
Estrada, para tentar celebrar o espectáculo nas súas instalacións e negociou as condicións
coa propia fundación, ata que o pasado día 5 remitiron ao Concello o contrato do
espectáculo.
Foi nese momento cando, ao tratarse dun espectáculo privado nun recinto público, e
cumprindo coa misión de velar pola seguridade neste tipo de eventos, desde o Concello
antes de proceder á sinatura do contrato requeríuselle a documentación pertinente,
como por exemplo un plan de evacuación do que carecían.

Dous días máis tarde, a compañía presentou unha documentación incompleta e, tras
revisar que o evento non reunía os requisitos mínimos legais, o propio concelleiro de
Urbanismo indicoulles as modificacións que deberían facer e os documentos que era
necesario aportar. Nembargantes, a compañía solicitante entregou de novo
documentación incompleta e practicamente sen cambios, razón pola que o goberno local
viuse na obriga de denegar os permisos solicitados.
“Durante a pandemia demostramos que fomos un exemplo organizando actividades e o
que non imos facer agora é programalas mal e sen cumprir a normativa de seguridade”,
asegurou Gonzalo Louzao. “No Concello da Estrada programamos actividades de todo
tipo con moita frecuencia e todas as compañías saben que son benvidas, sempre e cando
cumpran coa normativa”, engadiu o concelleiro.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta