José López destaca que oito de cada dez recén
nacidos estradenses benefícianse das “Baby Box”

o O rexedor garante a continuidade desta iniciativa e salienta que no que vai de 2022
xa foron solicitadas 10 “caixas de benvida para bebés” máis que na mesma data
do exercicio pasado
o O goberno local impulsará nos vindeiros meses unha nova campaña de
empadroamento para garantir o mantemento da categoría como concello de máis
de 20.000 habitantes

O alcalde da Estrada, José López, fixo hoxe balance da
iniciativa de entrega das “caixas de benvida para bebés” ou “Baby Box” destacando que
desde a súa posta en marcha en 2019 oito de cada 10 familias con recén nacidos que
foron empadroados na Estrada beneficiáronse deste “agasallo” que pretende ser “un
detalle simbólico e un incentivo máis para favorecer o empadroamento”.
O rexedor local explicou que desde 2019 lévanse entregadas un total de 276 “Baby Box”,
o que significa que o 85% das familias dos 324 bebés que tiñan dereito a ela acabárona
solicitando. Concretamente, no exercicio de 2019 entregáronse 50 “Baby Box” ás familias
de recén nacidos desde o 1 de xullo dese ano; ao longo do 2020 entregáronse 101; en
2021, 89; e no que vai de ano lévanse entregadas 36 caixas, dez máis que na mesma data
do ano anterior.
Cómpre lembrar que, tras experimentar algunha modificación desde o formato inicial,
actualmente a “Baby Box” consiste nun cesto de vimes cuberto cunha tea personalizada
que inclúe o estudo da Estrada. No seu interior achéganse produtos para o coidado dos
bebés durante os seus primeiros meses de vida por un valor total de 250 euros.
Procedemento de solicitude moi sinxelo
Para poder solicitala, o requisito esixido é que que polo menos un dos proxenitores e o/a
recén nacido/a estean empadroados na Estrada. Unha vez que o bebé estea inscrito no
censo, os familiares dispoñen dun prazo de tres meses para solicitar a “Baby Box”,
acompañando a petición do certificado de empadroamento.

Tras expoñer este “balance satisfactorio” desta iniciativa, o alcalde estradense confirmou
a súa continuidade e avanzou que o goberno local presentará na Comisión Especial de
Reto Demográfico que se celebrará nas vindeiras semanas unha nova campaña de
empadroamento para garantir o mantemento da categoría como concello de máis de
20.000 habitantes.
“Estamos a traballar para que esa campaña poña en valor todas as vantaxes que supón
estar empadroado na Estrada porque temos constancia de que hai xente que traballa e
reside no noso municipio e segue empadroado noutros lugares, ben por deixadez ou ben
porque ata agora non conseguimos explicarlles ben os beneficios que lles pode reportar
estar empadroado aquí”, sinalou.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta